O equipo profesional de Máis que Auga, no nome do seu director xeral Francisco Cortegoso, recibiu o premio como “mellor xestor deportivo de Galicia” na
gala de entrega dos XII Premios Galicia á Xestión Deportiva- Premios Concello de Vigo, que se celebrou hoxe en Vigo.
Foi unha entrega moi especial para Máis que Auga, xa que cando Francisco Cortegoso se achegou ata o escenario para recoller o premio, pediu aos compañeiros e compañeiras de Máis que Auga alí presentes que subiran a recibir este recoñecemento con el xa que “é un premio a un equipo de traballo. Sen toda a xente que hai por detrás, ata completar esas 150 persoas que traballan en Máis que Auga, hoxe non podería estar aquí recibindo este galardón, que non é meu, senón de todos e cada un dos integrantes do noso equipo”.
Ademais, este premio corresponde ao ano 2021, un período especialmente complicado para o sector pola pandemia da Covid-19, coas restricións tanto de aforo, como medidas de protección adoptadas, polo que houbo que reinventarse, non unha senón varias veces. Por iso, no seu discurso, Cortegoso volveu pedir ás administracións que aposten polo deporte e a actividade física como “esencial” tanto na loita contra a covid como na prevención doutro tipo de enfermidades.