As instalacións de Máis que Auga en Barreiro e Navia acollerán entre o 1 e o 10 de xullo a oitava edición do Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor, que se celebrará en todas as categorías (masculina, feminina e mixta), dende a iniciación ata a competición federada.
O obxectivo para este ano é superar o número de 600 inscritos e “en breve, conseguir o récord galego de inscricións que agora mesmo está en 800 participantes”, segundo sinalou o director xeral de Máis que Auga, Francisco Cortegoso.
O prazo de inscrición no torneo abriuse este martes e finalizará o 27 de xuño. O prezo é de 16 euros por persoa e hai un coste 4 euros de seguro de accidente para categorías non federadas e primeira inscrición. Como agasallo pola inscrición, cada participante recibirá un suadoiro e haberá 3.000 euros en premios. A inscrición debe realizarse a través da páxina web de Máis que Auga.
O Trofeo de Pádel Concello de Vigo regresa despois de dous anos de ausencia pola pandemia da Covid-19. Desde Máis Que Auga, que conta cunha academia con 700 persoas, notan as gañas de volver competir.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este martes na presentación do evento e animou a toda a cidade a apuntarse ao torneo. Do mesmo xeito, destacou a calidade das instalacións de Máis Que Auga e de forma moi especial o novo céspede. O rexedor salientou que o torneo abrangue ata once categorías, dúas federadas (Primeira Ouro masculina e Primeira Ouro feminina) e nove abertas (tres masculinas, tres femininas e tres mixtas).