O World Padel Tour regresa a Máis que Auga Navia. A partir do domingo 20 de marzo, e durante tres días, o complexo de pádel de Máis que Auga Navia será sede da fase previa do Vigo Open 2022, unha das probas do circuíto mundial de pádel profesional, que este ano visitará 13 países. Como nas dúas edicións anteriores do WPT celebradas en MQA Navia, o acceso ao público será gratuíto ata encher o aforo da instalación.
A competición en Navia comezará o domingo 20 de marzo ás 09:30 horas e xa iniciamos cun prato forte, a nivel deportivo. A esa hora o vigués Nacho Vilariño disputará o seu primeiro partido xunto a o seu compañeiro José Luis González, polo que tocará madrugar para poder gozar deste enfrontamento contra Hugo García/Roberto Belmont. Vilariño destacou que “chegamos ben, con confianza despois do torneo de Reus, onde gañamos tres partidos bastante duros. Ademais aquí xogamos en casa, o que nos da ese plus”. O vigués coñece a Hugo García e destaca que “é un bo xogador madrileño, así que hai que loitalo para dar o primeiro pasiño”. Ademais, hai sesión continua xa que ás 10:30 horas comezará a xogar o tamén vigués Iago González Niño, que fai parella con Daniel Blanco Dopazo.
Ao longo destes tres días de competición celebraranse no complexo de pádel de MQA Navia máis de 60 partidos nos que teremos a oportunidade de ver a grandes parellas tanto a nivel galego como nacional e internacional, que buscan a súa clasificación para a fase final do Vigo Open que este ano se celebrará no IFEVI (22-27 de marzo).
Esta será a terceira vez que as instalacións de Navia acollan a fase previa do WPT. Nesta edición, as e os xogadores do WPT poderán desfrutar do novo céspede Supercourt XN (oficial do World Padel Tour), xa que recentemente foi renovado por completo o chan de varias pistas de Barreiro e de Navia.
Por outra banda, desde Máis que Auga informan de que a celebración desta fase previa en Navia supón o traslado das clases de pádel e reservas a Barreiro durante estes días.