A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a primeira edición da Pontevedra Trail League, iniciativa deportiva que conta coa colaboración da institución provincial e que xuntará a tres probas de referencia na provincia como son o Trail Adventure Muíños do Folón, o Trail do Románico e o Trail do Trega.
Silva resaltou que “na Deputación de Pontevedra apostamos por este tipo de actividades deportivas que axudan a promocionar o noso territorio ao mesmo tempo que se desenvolven dun xeito sustentable”. Amais, referiuse á primeira edición desta iniciativa como «unha gran idea que cumpre coa Axenda 2030 e que vai da man da nosa campaña turística, que pon en valor o noso patrimonio natural, amais o facemos desde un punto de vista non pasivo, promovendo a actividade nel”.
A primeira proba da Pontevedra Trail League será no Rosal o 8 de marzo. O Trail Adventure Muiños do Folón será unha carreira de 21 quilómetros para o que tan só quedan ao redor de 60 prazas. A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández, apuntou que “como a proba terá lugar o 8 de marzo, nunha data tan sinalada para todas e todos nós, tentaremos facer de xeito paralelo un recoñecemento á muller no deporte”.
Tras o seu paso polo Rosal o circuíto deportivo chegará a Silleda o 19 de xullo co Trail do Románico, unha proba de 24 quilómetros para a que o prazo de inscrición abrirase no mes de abril, aínda que a inscrición conxunta para as tres probas xa pode formalizarse. A concelleira de Deportes da vila do Deza, Mónica González, afirmou que “é unha das probas deportivas das que máis orgullosos e orgullosas estamos en Silleda porque é unha carreira que vai máis aló do deportivo e que serve para poñer en valor o noso patrimonio natural, histórico e artístico”.
Por último, a Pontevedra Trail League pecharase na Guarda co Trail do Trega o 22 de novembro. Para esta proba, de 18 quilómetros, as inscricións individuais estarán dispoñibles a partir do mes de xullo. Montse Magallanes, concelleira da Guarda, explicou que “xuntar estes tres eventos deportivos é unha idea fantástica e polo tanto gustaríame transmitir o noso agradecemento á empresa organizadora e á propia Deputación de Pontevedra”.
No acto de presentación, Justi Peixoto, organizador da proba, detallou os pormenores da primeira edición desta iniciativa deportiva e anunciou que “a partir da primeira proba a líder e o líder da xeral levarán un maillot identificativo” e que “paralelamente as principais probas organizaremos unha andaina para que as persoas acompañantes das e dos participantes e aquelas persoas que non poidan levar a cabo a proba correndo poidan gozar das paisaxes polas que pasan as tres carreiras”.
Carmela Silva rematou sinalando que “Pontevedra ten a capacidade de acoller grandes eventos deportivos e como aquí somos ambiciosos e ambiciosas teño que dicir que estou segura de que dentro dun tempo falaremos deste programa deportivo como unha referencia nacional e internacional que estea a altura de iconas do trail como Colorado, Isla Bonita, Zegama ou Chamonix”.