A oitava edición do Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor pechou a súa inscrición con récord de participación. En total son 306 parellas as inscritas no torneo (612 participantes), superando así en 40 o récord acadado na sétima edición (266 parellas).
Ademais, tamén hai cifra récord en participación masculina e feminina, polo que o primeiro dos obxectivos marcados pola organización está superado. Esta marca significa que o Trofeo de Pádel Concello de Vigo logra o récord de participantes no sur de Galicia e só está superado por tres torneos na Coruña.
Na categoría masculina sobresae o nome de Héctor Guisande, que ten xa no seu poder cinco títulos no Trofeo Concello de Vigo. Ademais, inscribiuse Miguel Laredo, campión da última edición e actual número 11 galego) ou Pedro Sousa (número 8 no ranking galego). Na categoría feminina, aparece Alejandra Renda (nº 5 galega), Patricia Vilas (nº 8 galega), que xoga con Tamara Aranda (vencedora de unha edición) e Paula Rey, monitora de Máis que Auga.
A competición celebrarase do 1 ao 10 de xullo nos complexos de pádel de Máis que Auga de Navia e Barreiro, en todas as categorías, dende a iniciación ata a competición federada (masculina, feminina e mixta). O Trofeo de Pádel Concello de Vigo regresa despois de dous anos de ausencia pola pandemia da Covid-19 e a resposta das e dos xogadores foi excepcional. A entrada para ver os partidos é libre e gratuíta.