Na presentación da proba no Concello de Vigo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Abel Caballero, resaltou a “incrible paisaxe” na que se vai desenvolver a proba, coas illas Cíes de fondo, no que cualificou como un apoio explícito a candidatura da paraxe natural a Patrimonio da Humanidade da Unesco que promoven desde o Concello de Vigo.
O Plan Estratéxico de Deportes, programa no que se enmarca esta competición, ten entre as súas finalidades promover concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable, así como dar a coñecer as paraxes nas que discorren as probas.
“Como di o alcalde”, explicou Silva referíndose a Caballero, “o deporte é a gran revolución do século XXI”. A presidenta referíase así a gran importancia que está a gañar a práctica deportiva, especialmente a de tríatlon, e ao papel que as institución teñen que xogar “para democratizar e impulsar a práctica do deporte”.
Caballero resaltou o gran despregue de medios que se realizará para o evento, como unha pantalla xigante que se instalará en Samil para seguir a proba ao completo, así como a beleza do trofeo, realizado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.
Esta será a primeira proba na que se puideron inscribir menores de idade. Coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon realizarase por primeira vez en Vigo un aquatlon gratuíto para as 81 rapazas e rapaces das seguintes categorías: Benxamín (100 m de natación / 500m de carreira a pé), Alevín (200m de natación / 1.000m de carreira a pé), Infantil (400 m de natación/ 2.000m de carreira a pé), Cadete (500m de natación / 3.000m de carreira a pé).