A Supercopa de España de Judo, XX Gran Premio Internacional Cidade de Vigo, congregará no Multiusos de Navia a preto de catrocentos deportistas cadetes (de 14 a 16 anos) de cinco países (España, Portugal, Alemaña, Suecia e Italia) e de dezaseis comunidades autónomas.
O Concelleiro de Deportes, Manel Fernández , presentou este venres o evento sinalando que debe «poñerse en valor porque é dos máis importantes no ámbito desta competición, polo que é un orgullo contribuír ao seu desenvolvemento».
No acto, Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo, agradeceu a colaboración do Concello de Vigo polo seu apoio ao deporte e mencionou o éxito desta convocatoria que «bate marcas» destacando a calidade da competición que xa está consolidada a nivel nacional e tamén internacional e que é puntuable para os campionatos de España e Portugal. Engadiu que Galicia terá amplia representación con preto de 70 judocas, dos que arredor dunha vintena son vigueses.
O pavillón de Navia é a sede permanente do evento dende o outono de 2011, logo de celebrarse nas Travesas, Coia, O Berbés e Bouzas. Dende este sábado pola mañá haberá seis tatamis dispostos para a competición, que se inicia cos pesos masculinos. As categorías femininas comezarán ás 13:30 horas. A loita polas medallas de bronce terá lugar ás 16:00 horas e polas finais, sesenta minutos despois. Manel Fernández convidou a toda a cidadanía a asistir ao Pavillón Municipal de Navia que ten entrada gratuíta.