O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o edil de Deportes, Manel Fernández, felicitaron este mércores persoalmente a Susana Rodríguez Gacio (atletismo e triatlón, modalidade na que obtivo a medalla de ouro), Gustavo Nieves (atletismo), Agustín Alejos (baloncesto), Chano Rodríguez (natación), Martín de la Puente (tenis) e Juan Antonio Saavedra (tiro, medalla de bronce en rifle a 20 metros). Vicky Alonso, do equipo de baloncesto feminino, non puido acudir ao atoparse en Murcia por traballo e adestramentos.
Caballero díxolles que xa se considera «membro do voso club de fans», confesando que o é de Martín de la Puente «dende cativo», e tamén que foi o ano do meirande impacto «global dos deportistas paralímpicos vigueses nuns Xogos».
O alcalde transmitiulles «a nosa felicitación e emoción, e que faremos un acto de gran homenaxe. A cidade está orgullosísima de todos, dende Susana Rodríguez Gacio, medalla de ouro paralímpica, e que está sendo unha muller cunha presenza absolutamente destacada en toda a prensa mundial polas súas actitudes deportivas, vitais e humanas e de enorme sensibilidade, a Juan, bronce, Agustín, Martín, Chano, Gustavo, Vicky…».
No encontro, Caballero pediu aos deportistas que lle contasen as súas vivencias nestes Xogos da pandemia. Quería saber en primeira persoa da dureza dun evento tan importante. E para rematar lembrou que os Xogos de París 2024 están xa moi preto e e desexa ver a todos estos atletas de novo na cita máis importante do deporte mundial.