Soamente por este motivo, un día de auga e vento serve para namorarse do rugby. Confeso que é máis atractivo para o neófito uns bos pases na liña de tras cuartos, carreiras, xogo aberto. Para a primeira ducia de partidos pode chegar, pero pouco a pouco, un vai comprendendo que nos días de lameiro está o auténtico espírito do xogo. É cando aparece o efecto da paixón ovalada. A continuación, o mesmo estás en internet baixando vídeos de amistosos internacionais e peregrinas cada quince días ó particular inverno das Lagoas.
¿Cando é un día de rugby de inverno? Pois cando da melé sae o bafo polo frío. Cando un apertura lanzase en prancha para coller un balón no charco porque non ten outra forma de collelo, cando encadéanse vinte fases de ‘pick and go’. Alí, arrimados, dezaséis dianteiros e algún tres cuartos despistado que quere quecer o frío. A terra nas medias, no pantalón, nas costas, na cara, nas orellas… O rematar o partido recitan a coro «este é o que nos gusta, así con moito contacto». Mentres o ala, tras oitenta minutos baixo a choiva cos dedos conxelado, queda apampado vendo para o seu compañeiro. A cara da incomprensión.
Un veterano díxome unha vez que, nestes días, «o quecemento era saír do vestiario e tirarme no primeiro charco que atopaba. Xa estaba para xogar». O fin e o cabo, a orixe do rugby non deixa de ser esa coreografía colectiva que se aprecia na loita de dianteiros en cada día de choiva. O deporte no que sen o compañeiro non es ninguén. O máis especializado de todos, dende o ‘pilar’ pechado dos cento trinta kilos ata o medio de melé de setenta ou, incluso, sesenta. «Cada xogador ten que facer o seu traballo, nada máis que o seu traballo, pero todo o seu traballo», é un dos seus axiomas que podería resumir moi ben este deporte.
Agora que é inverno, o Blusens Universidade de Vigo Rugby estase a xogar a permanencia e tamén entrar na Copa do Rei. Marcha sétimo na táboa e mídese ó noveno (C.R.C Pozuelo) o vindeiro sábado en Ferrol no último partido da primeira volta. O empate ou a vitoria son sinónimo de boleto copeiro. Un convenio de colaboración co club ferrolán facilita o intercambio de xogadores e, en contrapartida, o ocasional desprazamento vigués. Mentres tanto, as Lagoas acolle os partidos de feminino, segundo equipo, xuvenís e demais categorías. Esta semana de decembro non hai lameiro, malos tempos para a lírica e as fotografías de rugby épico. Que corran os tres cuartos, xa virán borrascas atlánticas para un par de encontros da vella escola.