A primeira estación chega pronto, no provincia de Biscaia e ó lado do mar. Fadura é o escenario que acollerá este fin de semana o encontro entre o penúltimo (posto de promoción de descenso), o Getxo, e o antepenúltimo, o Vigo Rugby. Ambos conxuntos chegan separados por catro puntos, o que vale unha vitoria sen bonus. Gañar o partido valerá o seu peso en ouro, e sumar calquera punto tamén. Curiosamente, en Fadura todo indica que será o Blusens o que tire de xogo vasco. Oval no paquete, choque de dianteiros e explotar ó tractor Tatafu, un piar como xogador de referencia. Pola súa banda os vascos da beira do Cantábrico presumen de tres cuartos foráneos e de unha das mellores pernas do rugby español, o neozelandés Linklater.
Tras paso por Vigo para medirse ó El Salvador (rañar un punto sería media milagre), o Blusens volverá a Euskadi. Neste ocasión a batalla será contra o resucitado pechacancelas Hernani. Hai dúas xornadas estaba con pé e medio en na segunda categoría, pero gañou dous partidos e métese na loita pola permanencia a oito puntos do equipo vigués, a catro do Getxo. Na provincia de Guipúscoa, na terra no xabaril á sidra, os vigueses xogáranse gran parte da súa permanencia e o farán nun campo que cheira a rugby histórico, a riles e lameiro. Nun terreo de xogo co nome de Landare Toki entre verdes outeiros soamente pode vivirse un encontro memorable e/ou dramático.
O terceiro capítulo, esta vez sen paso por Vigo, tamén será nas terras vascas. Será ante o Ordizia, de novo na provincia de Guipúscoa, un pouco máis ó interior que a semana anterior en pleno val e nun campo con nome de Altamira. Toponimia común para un terreo de xogo con visións ó parque natural do monte Aralar. Tamén é probable que o equipo local chegue con apertas. Actualmente ocupa a sétima praza, unha situación enganosa porque soamente suma catro puntos máis que os vigueses, un partido. Enganosa e tamén inexplicable polos nomes e potencial do seu plantel. Neozelandeses, arxentinos e vascos de calidade. Cando remate este encontro, o vindeiro doce de abril, o Blusens seguramente coñecerá o papel que vai a xogar nas últimas dúas xornadas e, quizais, comezará a pensar na promoción de permanencia.
Tres encontros en catro xornadas no País Vasco, en terra verde, de outeiros e choiva. Puro rugby de permanencia, a vida ovalada misturará acento galego e euskera. ‘Salbazio’ ou ‘Jaitsiera’.