Seguín escribiendo de rugby coa mesma paixón, ou un pouco máis, que o facía nos anos anteriores. Acudín a tódolos partidos do Vigo Rugby da tempada e nalgún deles pasei moito frío e, incluso, recibín algúna molladura na banda. Nestes partidos tratei de tomar as mellores fotografías posibles e máis dalgunhas vez estas tiveron un percorrido longo e desinteresado (pola miña banda).
Este ano tentei escribir con respeto do equipo local, do visitante e tamén do árbitro, a pesar dos erros claros dalgún deles. Nunca acusei o colexiado dunha derrota e sempre tentei dar voz os protagonistas para que se puideran explicar. A todo isto teño que engadir que realicei pezas sobre o equipo feminino e a canteira do Vigo Rugby e, deste xeito, dar a coñecer as actividades de tódolos equipos.
Este ano tamén debutei na narración dun encontro en directo e, a pesar de contar con poucos medios, realiceina o mellor posible tratando de transmitir o funcionamento do xogo e facelo con axilidade. Tamén seguín con atención o título do Seis Naciones de Irlanda e a retirada do mítico Brian O’Driscoll. Ademais, estiven colgado da conexión a internet para seguir os test de novembro e, en repetidas ocasións, acércome a páxina da liga inglesa para ver os partidos e poder contar as historias dos Santos de Northampton e dos Harlequíns de Londres.
Por todo o exposto, queridos Reis Magos teño que pedir dous desexos:
O primeiro é pedir que as gradas dun campo de rugby continúen sendo un lugar onde ir a compartir xogo, asentos e cervexa co afeccionado do equipo contrario. Pedir que no deporte do balón oval o árbitro continúe sendo un señor respetable e necesario para a disputa de calquer partido. O home que mantén orde ante trinta nenos maiores que tentan saltarse o regulamento. Pedir que o colectivo, nun deporte xa profesionalizado, continúe a ser o que manda. Que os xogadores teñan claro que cando se gaña un partido é porque «un xogador ten que facer o seu traballo, soamente o seu traballo, pero todo o seu traballo». E tamén pedir que, ó rematar un partido por moi duro que sexa, os xogadores continúen dándose a man e facendo o corredor mutuo.
O segundo punto xa sei que é un pouco interesado, pero no 2015 dispútase o Campionato do Mundo en Inglaterra, e gustaríame poder asistir a algún partido. Isto sería fácil, mercar un billete e a entrada e viaxar ata as Illas Británicas. Pero a miña capacidade económica é limitada e isto engade certas dificultades, polo que a miña petición sería que me chegase a min, de agasallo, unha entradiña. Se isto non pode ser, cousa que entendo, tamén me valería que algún medio de comunicación/organización do planeta optara por contratar ós meus servicios para escribir/narrar/comentar/analizar/fotografiar o Mundial.
Despídome desexando que teñan unha boa noite de Reis e que os agasallos chegan a todos. Sobre todo, empezando polos nenos e, se non chegan a tempo a miña casa, recorden que sempre poden atoparme nun día de choiva nas Lagoas, cando os ventos do Oeste cheiran a rugby.