Uns días antes dese partido, o plantel do Vigo Rugby sufriu unha derrota dura no encontro de ida desa promoción de ascenso en terras catalás e, nunha bonita campaña, ex xogadores comezaron a lanzar mensaxes de ánimo. Entre elas, destacou a de Francisco ‘Pakito’ Usero, un dos mellores xogadores da historia do rugby galego e dos poucos que chegaron a vestir a elástica da selección española nos últimos anos.
O dianteiro non pediu por pedir, non recorreu ó común pódese, simplemente amosou as tres camisolas que tiña penduradas da parede do seu negocio e que marcaron a súa carreira. A continuación, dixo «que cando remate ese partido, que poidades sacar a camisola do Vigo Rugby e sintades con orgullo que podedes conservala porque o equipo segue na categoría por moitos anos máis».
Era unha chamada ó orgullo, ó amor propio e a valentía. Unhas horas máis tarde, un domingo calquera, espertou un día de xuño como un de xaneiro. Vento, choiva, frío. As margaridas ocupaban todo o céspede, pero o inverno visitou ó campo local como un dos principais aliado no inicio do verán e as flores quedaron enterradas, case tanto ou máis, como o San Cugat. O conxunto catalán tiña máis talento que o vigués pero menos kilos. Aquel día tamén tivo menos alma e, arrefriado por unha borrasca atlántica, sucumbiu nun enfrontamento que rozou a heroicidade. Saíu todo de cara, pero tamén é certo que os xogadores do Blusens puxeron todo sobre o campo. Ó rematar, como pediu Pakito, aquela camisola xa tiña historia, méritos e corazón para ser enmarcada e pendurada. Unha cuestión de orgullo.
Aquel día, o ensaio da remontada, o que finou o partido e pechou a permanencia, pousouno o piar Tatafu nunha especie de metáfora de vida e de rugby. Un primeira liña, un ‘gordo’, para culminar unha remontada no lameiro e nunha xogada clásica de ‘pick and go’. Nunha entrada suicida, case temeraria levouse posto ó primeiro placador (aconsellable ver o vídeo), que aínda está sufrir o paso da trituradora tongana…
Isto todo son recordos, belas lembranzas dun día no que o Vigo Rugby, contra todo prognóstico, mantivo a categoría. Pero, por que menciono eses recordos?. Pois porque ó futuro é sombrío, enigmático e, probablemente, duro e complicado. Na actualidade, o equipo vigués é noveno cunha renda de seis puntos sobre a praza de promoción de descenso que ocupa o Barcelona.
O calendario, na segunda volta, comeza cun partido ante o todopoderoso Quesos Entrepinares este sábado (16:30). A continuación, chegará un duro calendario, que conlevará medirse ós rivais directos lonxe das Lagoas. Mentres tanto, o xeonllo de Parata ten complicada recuperación, o ombreiro de Maguna reséntese e a tesourería non admite gastos nin incorporacións. En definitiva, todos e cada un dos xogadores do Blusens Universidade de Vigo deberán poñer todo o seu corazón e empeño. Deberán deixarse a vida en cada encontro, en cada agrupamento porque, soamente con esta formulación, poderán manterse na División de Honra.