O soño é nipón. Moita xente pensará que a vitoria de Xapón ante Sudáfrica quedou en nada porque os orientais non pasaron á seguinte fase. Probablemente, son os mesmos que pensen que acabar unha maratón no seu debut para un afeccionado non serve de nada porque non gaña. A vitoria de Xapón é a meirande sorpresa do rugby dos últimos dez anos, unha xesta que pasará o capítulo de feitos históricos no deporte. Para os habituais futboleiros, é similar a Eurocopa gañada por Grecia, ou a liga do Deportivo da Coruña (iso si, os xaponeses lograron a xesta cunha filosofía totalmente oposta á política económica suicida de Lendoiro).
A vitoria de Xapón chega gracias a planificación, o traballo, a vista posta a longo prazo e, tamén hai que dicilo, os cartos. Pero uns cartos invertidos en desenvolver as habilidades dun grupo de xogadores con certas limitacións mediante un corpo técnico de elite, material de alta calidade e aplicación científica do xogo. Tamén serviulles para clasificarse para o vindeiro Mundial, aínda que, parodoxicamente, a vitoria ante Sudáfrica supuxo o primeiro paso para perder ante Escocia e non chegar a cuartos. Ante os europeos chegaron os seus principais xogadores fundidos. Soamente tiveron tres días de descanso tras facer o partido máis duro da súa vida. Non obstante, será o partido que recordarán os xogadores cando teñan ó neto enriba da perna e conten a súa carreira.
O fracaso. Non é doado falar deste termo e non sinto pracer ó utilizalo nun deporte no que cada xogador pon en perigo a súa integridade física en cada partido. Pero a actuación da organizadora Inglaterra soamente pode cualificarse con este termo. A selección local preparou esta cita oito anos e, en especial, os últimos catro con Lancaster no banco. Pódese falar de moitos factores e tocoulle un grupo especialmente duro con Australia e Gales. Perdeu o partido ante os seus veciños por dúas cuestións puntuais e unhas cantas máis de fondo. As cuestións foron que non últimos dez minutos optaron por enviar un golpe de castigo ó lateral para gañar cando tiñan o empate doado. A segunda foi que, nese tramo de partido, un Twickenham cheo con 82.000 persoas e a responsabilidade da vitoria colapsou a mente e as mans dos ingleses.
Remontou Gales e o partido ante Australia foi a demostración nun terreo de xogo do efecto negativo do exceso de presión. Dúas causas directas e outras de fondo. O escaso talento do equipo, a dianteira menos dominante que se recorda na Rosa para unha cultura de rugby de ‘gordos’ ou os xogadores que quedaron na casa por indisciplina. Lancaster deixou a Manu Tuilagi, o mellor tres cuartos das illas, por pegar a un policía en verán. Tamén quedou sen Mundial Dylan Hartley por decisión técnica, un líder natural na dianteira. Luther Burrel non foi elixido e Dani Care xogou pouco… Escribín antes sobre a falta de talento en Inglaterra… Aínda que, do que careceu o equipo inglés, foi de personalidade na adversidade. E xa son moitas carencias.
Bágoas houbo moitas e para expresar moitos sentimentos. Os xaponeses tiveron a súa ración para expresar ledicia e os ingleses para a tristura. Existiron moitas de emoción na vitoria e na derrota. Choraron os xeorxianos tras gañar a Tonga, tamén Ian Madigan tras disputar 60 inesperados minutos pola lesión de Sexton ante Francia e gañar o partido. Tamén o fixo o nipón Ayumu Goromaru tras pechar un Mundial histórico para Xapón. Incluso existiu unha petición de matrimonio a pé de campo e corredores de cabaleiros que agrandan este deporte como o vivido entre Australia e Inglaterra tras confirmarse a eliminación local. Por suposto, existiron moitas bágoas á hora de cantar os himnos. Choraron sudafricanos, fidjianos, pero, entre todos, quédome co inicio da Copa do Mundo de Uruguay. Unha selección con catro profesionais, no que reside a esencia do que foi este deporte ata a década dos noventa. Sabían que ían encaixar una malleira en cada partido, e alí estaban todos, os maiores e os mozos chorando e gritando a pleno pulmón: “Sabemos sufrir! Sabemos sufrir! Sabemos sufrir!”.