O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, realizou a pasada medianoite en Santiago o tradicional acto de pegada de carteis que marca o arranque da campaña. En compañía do alcalde, Xosé Sanchez Bugallo, e da número dous da candidatura socialista pola provincia, Noa Díaz, Gonzalo Caballero asegurou que “temos a forza para gañar e gobernar Galicia”.
Pediu o voto por primeira vez nesta campaña a todos os que apoiaron ao PSdeG-PSOE nas distintas citas electorais do ano pasado, posto que o seu apoio fixo posible vencer ao PP en Galicia por primeira vez na historia e que máis da metade dos galegos e galegas teñan hoxe un alcalde ou alcaldesa socialista. A última peza “para construír o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia”, dixo, é poñer un presidente socialista á fronte da Xunta.
“O vindeiro 12 de xullo, xogámonos o futuro de Galicia entre o PP e un PSdeG que vai liderar a maioría de progreso que necesitamos en Galicia”, afondou, “cómpre pasar páxina ao proxecto esgotado” de Feijóo que “non aporta nada positivo para Galicia neste momento”.
Ademais, coa vista posta na crise derivada da covid, Gonzalo Caballero advertiu que non podemos formular a reconstrución de Galicia de novo “con recortes, retrocesos en dereitos, privatizacións e supresión de servizos públicos”.
Así pois, “con todo o ánimo e a ilusión”, chamou a desenvolver unha campaña “en positivo” que traslade a cada galego e a cada galega que “temos un proxecto que non vai contra ninguén, senón a favor de que Galicia avance”.
Acto en Vigo
Antes da pegada, Gonzalo Caballero participou nun acto previo en Vigo en compañía do alcalde, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado da Zona Franca, David Regades.