O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu este domingo o apoio ao proxecto de goberno socialista “para facerlle fronte aos retos da transformación dixital e a transición ecolóxica”. Así o dixo en Santiago de Compostela antes de desprazarse a Vigo para realizar un paseo co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o alcalde da cidade, Abel Caballero.
O candidato socialista apostou por “unha nova política económica que teña no mantemento e incremento do emprego a principal bandeira, defendendo sempre unha Galicia verde e dixital”. Subliñou que o PSdeG é “o único proxecto de país para Galicia con solvencia en materia económica e a capacidade de facer unha remontada logo de 11 anos de inactividade pola inexistente política económica de Feijóo”.
Lembrou que o PSdeG ten demostrado que “sabemos gobernar” e comprometeuse a poñer “toda a capacidade e coñecemento a disposición de Galicia” nun ámbito “moi próximo e coñecido” pola súa traxectoria académica e profesional. Anunciou que poñerá “á fronte das consellerías de Economía e Facenda aos mellores economistas”, ao tempo que subliñou que ten ao equipo da consellería de Sanidade, con expertos en saúde pública e xestión, “listo para gobernar”.
Os socialistas garantirán que Galicia teña “por fin unha política económica ao servizo da cidadanía, dos traballadores, das empresas e tamén dos autónomos”, que poida “facer fronte aos retos da transición ecolóxica e á transformación dixital”. Sinalou que “se acertamos no reto da transformación dixital e a transformación ecolóxica conseguiremos crear emprego tamén en dixitalización e novas fontes enerxéticas”.
Pola contra, sinalou que “o PP non garante nin o impulso, nin a capacidade nin o coñecemento para facer que Galicia estea na vangarda e avance”. Así o dixo logo de constatar que “abandona o sentido de Estado cando non respalda ao goberno de España en cuestións fundamentais como solicitar fondos da UE para conseguir que Europa teña unha verdadeira política para a reconstrución”.
VOTAR “Á MARCA ORIXINAL”
O líder dos socialistas galegos dixo hoxe que “non hai mellor forma para defender o social e o público que votar á marca orixinal, antes que a ningunha outra marca con outros plantexamentos”. Alertou fronte a aqueles, dixo, “que se pegan ao PSdeG porque saben que somos a forza do cambio e que imos liderar o goberno de Galicia a partir do próximo domingo”.
Dixo que “non hai ninguén que poida facer mellor” que o PSdeG na defensa dos servizos públicos, na sanidade, a educación, dependencia ou dignidade. Caballero apelou ao ADN da socialdemocracia española e galega e, sinalou, “outras forzas se suman, copian o ideario e o programa do PSdeG”.
Así o dixo logo de apelar á mobilización do elevado nivel de indecisos que segundo as enquisas “din que van decidir o voto esta semana”, que considera “decisiva” para gañar apoios “na medida en que se vaia mobilizando o electorado progresista que está quentándose, que está motivándose e mobilizándose e que vai levar a un resultado electoral potente, suficiente para presidir Galicia”.
Apuntou así que “cando os analistas din que hai un alto nivel de mobilización nacionalista e na dereita, e que o electorado socialista aínda non está mobilizado, están recoñecendo que o PSdeG está en condicións de gañar as eleccións en Galicia”.
“UN GOBERNO PROGRESISTA EN GALICIA”
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións antes de desprazarse a Vigo, onde fixo un paseo xunto co ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, quen pediu “un verdadero gobierno progresista” liderado polo PSdeG en Galicia que poida traballar conxuntamente co goberno central na recuperación logo da crise xerada pola covid.
Grande-Marlaska dixo que “eso solo lo garantizan el PSdeG y Gonzalo Caballero, que tiene fuerza, tiene ideales, tiene equipo y sobre todo tiene un partido importante detrás, un partido serio, que ha estado siempre con la sensibilidad del Estado y con la sensibilidad del autogobierno”.