O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “o voto ao PSdeG é a forma de construír unha Galicia mellor e de volver a suspender á dereita de Casado e Feijóo e aos socios da ultradereita que queren poñer en risco tantos avances sociais”.
Así o dixo nunha visita a Vigo xunto co ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, e o alcalde da cidade, Abel Caballero, antes de participar nun mitin en Redondela tamén en compañía do ministro de Cultura, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o secretario provincial do PSOE, David Regades; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e Olga Rodríguez Puga, membro da lista socialista por Pontevedra.
O líder dos socialistas galegos respondeulle hoxe ao “relato do control absoluto da realidade galega por parte da dereita” e que desminte a “realidade da maioría de galegos e galegas que senten o progreso”. Por iso chamou á participación dos galegos e galegas que nas eleccións municipais, europeas e xerais lle deron a maioría á esquerda liderada polos socialistas galegos.
Dixo que “o voto ao PSdeG é o voto útil para o cambio, o voto que garante o progreso” e que permite “frear” á ultradereita, en risco de entrar no Parlamento de Galicia grazas a un PP “cómplice de facerlle unha alfombra vermella para que avancen”. Amosouse preocupado pola presenza masiva da dirección da ultradereita esta fin de semana en Galicia, demostrando que “non descartan entrar nun goberno do PP da man de Feijóo”.
Neste escenario, sinalou que as próximas eleccións do 12X “deciden se Galicia a lidera o PP ou un PSdeG que ten proxecto, equipo, ideas e propostas para darlle a Galicia un futuro mellor”, para o que é necesario, apuntou, que os galegos e as galegas que apoiaron ao PSOE en 2019 se volvan levantar para votar dentro de dúas semanas”. “Porque os que recortaron, privatizaron e destruíron emprego en 11 anos non poden pilotar agora a reconstrución”, recalcou.
“Protexer á cidadanía»
Nese senso, Gonzalo Caballero aproveitou a presenza do ministro de Cultura para poñer en valor as “medidas de enorme calado para protexer á cidadanía” tomadas polo goberno presidido por Pedro Sánchez.
Foi o goberno socialista, dixo, o que protexeu aos traballadores e aos autónomos “para que a crise económica non se convertera nunha crise social de enorme envergadura” e, ao fío diso, sinalou á prórroga deses mecanismos de protección ata o mes de setembro.
Fronte a ese xeito de actuar, Gonzalo Caballero recordou como Feijóo quixo incidir nos seus recortes na sanidade pública pechando o paridoiro de Verín ata que “a maioría social progresista o fixo recuar”. Así mesmo, enfatizou, “hoxe gañamos de novo a batalla ao cheque da indignidade co que Feijóo quixo comprar aos médicos”.
En cambio, afondou, “o noso compromiso” pasa por mellorar a sanidade pública convocando 5.000 prazas estables de profesionais sanitarios para o Sergas e por procurar máis benestar para os maiores con 2.000 prazas en residencias públicas.
Ante isto, o ministro de Cultura destacou as cualidades de Gonzalo Caballero como un home “formado e con sensibilidade social” e que ten “moitas ganas” de mellorar a vida dos galegos e das galegas.
E logo de defender o “proxecto progresista sensible coas necesidades sociais para acompañar á xente que máis o necesita”, e que representa Gonzalo Caballero, reivindicou a xestión do goberno de España durante a pandemia. “Viuse como a esquerda, os partidos progresistas, xestionan non só a crise sanitaria, senón tamén as consecuencias económicas e sociais”, resaltou.
Compromiso con Vigo
Antes, durante a visita a Vigo, o ministro aproveitou para saudar ao alcalde e comprometerse a retomar o proxecto de desenvolver unha biblioteca estatal na cidade, un proxecto comprometido en febreiro pero que tivo que ser paralizado pola pandemia.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respaldou o proxecto político que representa Gonzalo Caballero e sinalou a importancia da presenza do ministro hoxe diante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo –MARCO-, do que o ministerio é patrón cunha aportación anual, e destacou a xestión para avanzar no proxecto de biblioteca nacional na cidade.