O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pediu este mércores en Moaña o voto nas eleccións do 12X para “presidir un goberno socialista comprometido coa educación pública e que abra un novo tempo en materia de universidade, ciencia e innovación”. Así o dixo antes de manter unha xuntanza co ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, e os reitores das tres universidades públicas galegas, para explicarlles o proxecto de goberno dos socialistas galegos en materia de universidade e ciencia.
Gonzalo Caballero declarou que “fronte aos recortes, fronte aos ataques do goberno do PP ás tres universidades públicas galegas, queremos un goberno socialista na Xunta que defenda á universidade pública de Galicia”. De feito, asumiu o compromiso de “cumprir coas universidades públicas galegas fronte a un PP que pon en risco o sistema público da Universidade, ao que non lle gusta a educación pública, que recortou en profesores e en fondos para o ensino superior porque desconfía do sistema universitario galego”.
Gonzalo Caballero lembrou que “ao longo desta crise mesmo vimos como o PP entregou a unha consultora privada a adaptación das universidades galegas, e os profesores e profesoras das universidades públicas rexeitaron ese modelo e o PP tivo que recuar”.
Fronte ao xeito de actuar do PP de Feijóo, Gonzalo Caballero sinalou que “hai un ano por estas datas estaba corrixindo exames e poñendo notas aos meus alumnos e alumnas na Facultade de Económicas e Empresariais de Vigo” para recalcar o seu compromiso de que un goberno socialista “fará bandeira da defensa da educación pública e comprometerase coa universidade publica galega”.
Así, manifestou que “cun goberno socialista na Xunta de Galicia as primeiras matrículas nos graos universitarios serán gratuítas”, e que fará “unha aposta polas universidades públicas tamén a través de máis persoal docente e investigador, con máis contratos pre e posdoutorais, e cumprindo coa necesaria renovación xeracional no profesorado universitario”.
Impulso á innovación
En compañía tamén do ministro de Ciencia e Innovación, o candidato socialista deixou claro que o seu goberno “impulsará tamén a ciencia e a innovación no noso tecido produtivo”, para “acadar novas formas de facer fronte aos retos industriais e á transformación dixital de Galicia”. Así o fará, dixo, para recuperar o tempo perdido de 11 anos de goberno do PP e o recorte drástico no nivel de investimento en Ciencia e Innovación de Galicia.
Finalmente, proclamou que “quero gobernar Galicia para defender ao meu país, para darlle aos galegos e ás galegas a posibilidade dunha Galicia mellor, con maior prosperidade e benestar, defendendo a sanidade pública, as residencias públicas de maiores e o estado do benestar, para facer unha reconstrución na que ninguén quede atrás”. Para iso, “o meu compromiso político e persoal coa universidade pública galega e co investimento en I+D+i”.