A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, elixiu Vigo -buque insignia da capacidade industrial da rexión- para explicar este martes as liñas estratéxicas para reactivar a economía cun Goberno liderado por unha presidenta que “confíe” no potencial da comunidade autónoma: “Podemos ser a envexa de Europa se poñemos en marcha unha estratexia que nos permita producir, xerar riqueza e emprego e ese será o camiño se os galegos e as galegas me dan a súa confianza o 12X”, declarou a líder do Bloque, que volverá a Vigo este xoves (20.00 horas) para ofrecer un mitin na dársena de A Laxe.
“O obxectivo desta estratexia é prender o motor económico de Galiza para erguer este país e saír da crise e, ao mesmo tempo, poñer as bases da economía do futuro desde a confianza no potencial do país. E para iso non valen as vellas receitas, nin repetir fórmulas fracasadas, senón ideas que partan da nosa realidade cun proxecto autocentrado e modernizador como o que presenta o BNG”, explicou Pontón, destacando as que considera deben ser claves do futuro dunha nova Galiza.
“Pasa por unha economía verde; pola investigación e a ciencia como elementos centrais porque sen I+D+i non hai futuro; pola reindustrialización do país: naval, automoción, electrointensivas; por impulsar os sectores produtivos primarios tanto a pesca, -no que somos unha potencia-, e o sector agrogandeiro, -porque os países avanzados teñen unha agricultura forte-; e pola recuperación do rural, porque é unha inmensa fonte de riqueza e tamén en aras do reequilibrio territorial. Galiza ten dúas almas e non se entende sen as dúas”, explicou.
En definitiva, sintetizou, “unha estratexia económica de futuro, con perspectiva a curto e medio prazo, que meta a Galiza de cheo no século XXI cun proxecto modernizador e autocentrado e, sobre todo, da man dun Goberno que confíe no país”. Xusto o contrario do que representa o candidato do PP marcado pola “subordinación e a irrelevancia política”, currículo ao que agora suma a “irresponsabilidade e o escapismo” que está demostrando ante o rebrote da Mariña.
“Nada podemos esperar dun candidato irresponsable que se esconde cando hai problemas. Vimos ao longo destes once anos a folla de servizos do candidato Feixóo: submisión a Madrid, irrelevancia política, incapacidade para dar a cara polo país, pasou do servilismo inútil á confrontación igual de inútil. E por se fora pouco, agora está a dar outra mostra de total irresponsabilidade precisamente na cuestión que máis importa: a saúde das persoas. Fala o candidato do PP de que sería irresponsable suspender as eleccións na Mariña, o irresponsable é Feixóo cando minimiza o rebrote nunha pandemia, o irresponsable é el actuando con cálculos electoralistas e irresponsable é a súa falta de transparencia”, lamentou.
“Non está á altura do país un candidato que primeiro se esconde detrás do mando único e agora se esconde detrás dos concellos, e non se pode confiar en alguén que da a espantada cando hai problemas buscando responsables que en lugar de aportar solucións, que se pon de perfil e tira balóns fora, alguén que actúa así non pode liderar a recuperación económica e social. Galiza precisa unha presidenta que dea a cara e que diga a verdade e ese é o meu compromiso”, salientou, “deixar atrás a submisión e a irrelevancia política, deixar atrás unha Galiza sen liderado e construír un país novo desde a confianza no que somos”.
Neste sentido, Pontón volveu pedir unha gran mobilización nas urnas e concentrar todo o voto do cambio galego no BNG, “porque se rompemos a rutina e votamos desde a ilusión e a esperanza da man do BNG o cambio galego é imparable e con el faremos historia coa primeira muller presidenta”.
Puntos claves
A candidata do Bloque explicou as principais medidas da estratexia de reactivación económica. A primeira que adoptaría é liderar un gran acordo de país co conxunto dos axentes económicos, sociais e políticos para poñer en marcha unha estratexia de reactivación económica e social. “Todos, imos ser necesarios para sacar o país adiante nesta crise”, recalcou.
Duplicar o investimento en I+D+i, en ciencia e investigación, en catro anos, até acadar o 2,5% do PIB para situarse á altura dos países do entorno e un plan de captación e retención de talento a través da creación do INNOGAL, similar aos que funcionan con gran éxito en Euskadi (Ikerbasque) ou Catalunya (ICREA).
Importante tamén, a tarifa eléctrica galega para poñer fin ao espolio enerxético e darlle competitividade as empresas abaratando a factura eléctrica. Destacou a proposta dun modelo de financiamento, un concerto económico galego, “que nos permita ter a chave dos nosos cartos e establecer as prioridades de investimento e de gasto acordes coas necesidades do país. Autogoberno financeiro con autogoberno político e libre do centralismo”, sintetizou.
Entre as liñas estratéxicas, un sector público potente que actúe como motor económico, como dinamizador da actividade económica e que tire do tecido produtivo e empresarial do país. E completou a cuestión, instando a dar prioridade á preservación do territorio, da biodiversidade e a loita contra o cambio climático. “Un país non ten futuro senón é capaz de salvagardar o seu medio natural e temos a obriga ética e moral de deixar unha Galiza preservada, océanos limpos, rías saneadas, territorio cultivado significa miles de empregos na pesca, no agro, no turismo, na investigación”, concluíu.