“Rexistramos unha elevadísima participación de persoas interesadas en obter información sobre os efectos nocivos dos plásticos e notamos unha enorme preocupación e sensibilidade especial entre a cidadanía, moitas delas descoñecían as consecuencias destes materiais na saúde”, manifestou a presidenta. Neste eido, Silva adiantou que “repetiremos a iniciativa o vindeiro ano co obxectivo de converter á provincia nun destino sostible, reforzando a nosa aposta polo Medio Ambiente”.
De feito, se tiveron que reeditar os materiais en varias ocasións durante o desenvolvemento da campaña. Así, entregáronse 39.000 folletos informativos, 44.000 vasos compostables feitos con fécula de pataca e millo, 2.000 bolsas de tela reutilizables, 6.000 imáns con referencias ás consecuencias dos plásticos na saúde das persoas e 8.000 cinceiros.
‘Experiencias sostibles’ foi a segunda edición da liña de accións postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para concienciar sobre o emprego dos plásticos, aliñándose cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A iniciativa estivo presente en Samil e na rúa do Príncipe, así como en vilas, eventos, festivais e outras praias da provincia como a Festa da Langosta da Guarda, o festival Vive Nigrán, o SinSal en Redondela, o Sonrias Baixas en Bueu, O Marisquiño, a praza de San Fernando en Tui, a praia de Rodeira en Cangas ou o paseo marítimo de Moaña.
A presidenta aproveitou a ocasión para recordar que “entre o 80 e o 85% dos residuos nos mares e océanos son plásticos que están a causar graves danos, por iso todas as administracións temos a obriga de ser máis activas para garantir espazos máis saudables”. Tamén lembrou Silva que mercamos cada minuto un millón de botellas de plástico, que ao ano empregamos cinco billóns de bolsas de plástico de usar e tirar e cada segundo vertemos ao mar 200 quilos de plásticos. “Se isto segue así no 2050 haberá máis plásticos que peixes nos océanos”, recalcou a presidenta.