“Somos unha referencia a nivel estatal polo traballo desenvolvido dende o local cara a transición ecolóxica. Tanto é así que nos teñen convidado a participar no peche do Cumio, o que significa que estamos a facer as cousas ben”, asegurou a presidenta.
Deste xeito, o venres, 13 de decembro, a Deputación de Pontevedra terá un papel protagonista na xornada “Os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático” que se desenvolverá entre as 10 e as 12 da mañá na Ágora (zona verde) do IFEMA de Madrid. A xornada será inaugurada pola Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e nela participarán alcaldes e alcaldesas. A Deputación de Pontevedra e a de Palencia presididas, ámbalas dúas, por mulleres, son as únicas entidades provinciais en participar.
No caso concreto da Deputación de Pontevedra, participará na mesa 1, moderada por Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo e vicepresidenta da FEMP, centrada nos “Compromisos internacionais dos Gobernos Locais”, onde intervirá xunto ao alcalde de Sevilla (Juan Espadas), o de Zaragoza (Jorge Azcón), a alcaldesa de Canyelles en Barcelona (Rosa Huguet), o alcalde de Soria (Carlos Martínez) e a alcaldesa de Gijón (Ana González). A presidenta Silva explicou que “falaremos nesta mesa dos proxectos desenvolvidos, sobre a importancia de traballar dende o local para mudar o global e tamén dos grandes retos provinciais na consecución da Axenda 2030”.
Amais da participación directa no Cumio, a Deputación de Pontevedra tamén se vai adherir ás propostas da Rede Española de Cidades polo Clima a través, como informou a presidenta, de tres accións concretas. A primeira delas terá lugar o 7 de decembro, entre as 20 e 20.30 horas, e consistirá na apagada da iluminación das fachadas dos edificios da institución provincial. Xunto a esta actuación, vaise promover na primavera unha marcha popular polo clima en Pontevedra e Vigo na que participará a cidadanía de todas as idades, “para concienciar de que hai que tomar medidas para evitar o quecemento global”. Finalmente, a institución tamén se vai sumar ao manifesto #UnÁrbolPorEuropa coa plantación dunha árbore nun municipio da provincia antes do 5 de xuño, “visibilizando deste xeito a importancia do desenvolvemento sostible no mundo local e involucrando á mocidade nos procesos de toma de decisións”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “o compromiso co medio ambiente e a transición ecolóxica, xunto á igualdade, son as grandes áreas protagonistas do mandato. Xa iniciamos o camiño na pasada lexislatura pero nesta imos seguir na mesma senda, reforzando toda a nosa acción encamiñada á defensa do planeta e a paliar a verdadeira emerxencia climática que vivimos”. Así, a presidenta destacou a importancia de “impulsar iniciativas no eido local para transformar o local” e detallou moitas das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver. “A través destas iniciativas e de moitas outras estamos dirixindo esforzos considerables a dar cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030, de tal xeito que xa no 2019 a institución provincial ten cumprido o 91% dos ODS. Queremos chegar o 100% e por iso no orzamento do 2020 todas as áreas teñen desenvolvido os seus proxectos atendendo ao cumprimento dos retos da Axenda 2030”, manifestou Silva.