“Salo” entrou no centro o 18 de setembro tras ser recollido nas Muras, en Pazos, por unha muller que o atopou na rúa e o levou para a súa casa e o atendeu ata a chegada do persoal do CAAN. Os veterinarios encontráronse a este yorkshire moi afectado pola sarna e co pelo do lombo seco totalmente pegado pola falta de coidados, o que lle provocara unha pioderma (infección bacteriana), hiperpigmentación e hiperqueratose na pel. Afortunadamente, hoxe está recuperado da sarna e aínda lle queda sanear a falta de pigmentación no pelo na súa parte dorsal, pero xa está en condicións para ser adoptado.
O can ten un ano de idade e estaba correctamente identificado con microchip, polo que se procedeu a contactar co seu dono no Porriño. Ao non contestar, se lle remitiu a correspondente carta e se publicou no taboleiro de anuncios do seu concello de residencia e posteriormente no Boletín do Estado. Transcurrido o prazo legal e ante a falta de resposta, procedeuse a realizar a denuncia por abandono ante a Consellería de Medio Ambiente de la Xunta, unha infracción que se considera grave na Lei de Benestar Animal e que pode carrearlle unha multa entre os 500 e os 5.000 euros. Esta é unha das 27 denuncias presentadas ao longo deste ano por parte de CAAN por abandono e/ou maltrato, dun total de 232 expedientes de localización de propietarios.
Por outra banda, os catro cachorros que foron arroxados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida o pasado 30 de novembro seguen a evolucionar favorablemente no CAAN. Así, “Ares”, “Ceo”, “Terra” e “Sabela” están respondendo aos coidados que o persoal do centro estalles a ofrecer día e noite. Hai que lembrar que chegaron en situación crítica ás instalacións da Armenteira, con hipotermia e moi débiles, e están a ser alimentados con biberón, xa que nestes momentos non hai posibles nais de acollida. Os veterinarios do CAAN fan quendas para levalos polas noites aos seus domicilios e alimentalos, agora cada seis horas. E aínda que ao tratarse de cachorros non están fora de perigo, a súa evolución e moi positiva.
“Estes recentes casos amosan a gravidade do problema do abandono animal”, como destaca a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen non obstante quixo tamén destacar que noutra cara da moeda está o récord de adopcións que se acadou este ano no CAAN. Ata o pasado día 8 de decembro, foron 461 os cans e cadelas adoptados, un cento máis que o ano pasado. Entre eles hai que destacar recente caso de “Mame”, que entrara no CAAN en xullo deste ano cos seus catro irmáns, abandonados en Moaña, e foi o último deles en ser adoptado o pasado luns 9 de decembro. Agora vivirá na Estrada.
A pesar destas boas noticias, outros 400 cans esperan no centro a ser adoptados. Entre eles, o avó é “Apro”, para quen Carmela Silva fixo esta semana un novo chamamento para conseguirlle un novo fogar. Este can leva cinco anos no CAAN, onde chegou procedente de Arbo sendo só un cachorro. “Estamos felices de ter conseguido atoparlle un fogar a “Bertín”, o can que máis tempo levaba no centro, e agora toca axudar a “Apro””, indicou a presidenta.
Neste mes de decembro, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver unha nova campaña de sensibilización para fomentar as adopcións e a tenza responsable de animais. “Esteriliza, adopta” busca aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou maltrato.