Axentes da Policía Autonómica comisaron 37 quilos de percebe na Guarda xunto con diverso material utilizado para a súa extracción. Segundo informou este martes a Xunta de Galicia, os axentes estaban a realizar labores de prevención e loita contra o furtivismo na vila do Baixo Miño o pasado venres e durante un dispositivo nocturno de control observaron na parroquia de Camposancos a varias persoas extraendo marisco, ás que recolleu un vehículo no que depositaron varios útiles.
Ante a imposibilidade de acceder á zona onde se atopaban, os axentes esperaron para proceder a interceptar o vehículo e identificaron aos tres ocupantes, aos que levantaron tres actas de infracción da Lei de Pesca de Galicia.
Ademais do comiso de 37 quilos de percebe interviñéronse dúas rasquetas, dúas lanternas, dous traxes de neopreno, dúas gafas de mergullo, dous capachos, dous pares de escarpíns e tres salabardos máis os que conteñen o percebe. O marisco comisado foi repartido en catro centros benéficos da cidade de Vigo.