A 45 días para que remate este 2021, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación vén de bater de novo o récord anual de adopcións que acadara o pasado 2020 cun total de 583 animais. Deste xeito, a saída a pasada semana de “Martina”, “Mini”, “Lola” e “Gim” sitúa en 587 os cans e cadelas que desde xaneiro atoparon un novo fogar, tanto na provincia como no resto da Península. Ás excepcionais cifras acadadas polo CAAN hai que engadir tamén a sobresaínte acollida que está a ter a última campaña que está a desenvolver a Deputación para o fomento das adopcións e a tenencia responsable de animais, “EduCAANdo”, dirixida especialmente a escolares da provincia e que ten como peza central o libro “Benvida á casa, Onza”. Xa son máis de 700 os exemplares solicitados desde varios centros da provincia para o uso deste relato como material didáctico nas aulas.
Respecto ás últimas adopcións, hai que salientar que os citados catro animais foran recollidos nos últimos meses polo persoal do CAAN, co que se compre tamén outro dos principais obxectivos do centro, que os cans e cadelas se recuperen e pasen o menor tempo posible no CAAN antes de acadar unha nova familia. Deste xeito, “Martina” estivo dous meses e medio, xa que fora recollida a finais de agosto en Fornelos, e xa está no seu novo fogar en Caldas, mentres que “Mini”, “Lola” e “Gim” chegaran ás instalacións da Armenteira o 1 de outubro desde Vilaboa e Baiona e os tres saíron do centro cara a Gondomar o pasado mércores.
Balance
Das 587 adopcións do que vai de ano no CAAN, un total de 513 foron acadadas en Galicia, 1 en Portugal e outros 73 animais saíron do centro de Meis para os seus novos fogares noutros puntos de España. Desta última cifra, a maioría das adopcións foron tramitadas en Castela e León (47), seguidas das realizadas en Madrid (12); Cataluña (4); País Vasco (3); Asturias (2); Castela a Mancha (2); Comunidade Valenciana (1); Canarias (1) e Estremadura (1). No caso das adopcións formalizadas en Galicia, a meirande parte foron na provincia pontevedresa (449), mentres que o resto repartíronse entre as 32 en A Coruña, 22 en Lugo e 10 en Ourense.
Por concellos, Vigo foi o que acadou o maior número de adopcións, cun total de 83, seguido de Pontevedra e A Estrada, cun total de 38. Tamén hai que salientar as 23 de Poio, as 22 adopcións acadadas en Meis, as 21 de Sanxenxo ou as 19 logradas en Cambados.
Dúas camadas recollidas
Persoal do CAAN recolleu a pasada semana dúas camadas de cinco e catro cachorros en A Estrada e Valga. No primeiro caso, as tres cadeliñas “Tani”, “Tania” e “Tana” e os machos “Tei” e “Teide” estaban nunha vivenda semiabandonada, mentres que no caso de Valga foi Protección Civil a que rescatou aos cachorros (tres femias, “Bela”,”Zeltia” e “Meiga” e un macho, “Biuti”) do interior dunha tubaxe e deu aviso ao persoal do centro. Os animais están a recuperarse no centro de Meis, onde son aleitados por unha nai adoptiva, “Dama”.