A Serra do Suído, situada entre as comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta é un sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son as altiplanicies nas que abundan os pastizais, monte baixo de brezos, toxos e carquexas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. Nestas datas do ano a Serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a aguia calzada, o abelleiro europeo, a aguia cobreira ou o miñato.
Amais, existen exemplares de tartaraña cincenta, gatafornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación pon a disposición das 25 persoas participantes prismáticos, telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves. Amais, estarán acompañadas de dúas monitoras ornitólogas.
Con esta ruta pola Serra do Suído remata a edición do 2019 do programa de ornitoloxía ‘Voando nas Rías Baixas’. En total, entre xaneiro e xuño e nas cinco rutas propostas, participaron 125 persoas que puideron coñecer as diferentes especies de aves percorrendo o Esteiro do Río Miño, a Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor; a Enseada de San Simón na Ría de Vigo a Reserva Ornitolóxica do Grove e o as Brañas de Xestoso entre Terra de Montes e Deza.