Máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, unha trintena de medios áereos, 360 motobombas e 12 drons. Este é o dispositivo que a Xunta coordina este verán dentro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020), cuxo obxectivo xeral é reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais na nosa comunidade.
A situación sanitaria actual incorpora algunhas novidades importantes ao Pladiga 2020, como son a súa adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia a causa da covid-19 e, especialmente, a implementación dun completo e detallado plan de prevención. Así, o dispositivo humano é moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio, xa que o persoal fixo descontinuo permanece despregado seis meses, un máis que na anterior campaña.
O Pladiga 2020 ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de 12 drons, tanto para localizar incendiarios como para prestar apoio á extinción. No que respecta á adaptación á emerxencia sanitaria, o documento ten en conta os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Así, a Xunta estableceu máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do Servizo, con esa finalidade.
Durante a emerxencia sanitaria, axentes ambientais e bombeiros forestais levaron a cabo máis de 7.000 desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus. As desinfeccións leváronse a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes.
Plan monográfico de prevención
No que se refire aos plans preventivos do Pladiga, houbo unha aposta clara pola prevención e un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.
Grazas ás actuacións directas da Xunta, traballouse en case 8.400 hectáreas, con diferentes tipos de labores silvícolas, así como melloráronse uns 3.100 quilómetros de pistas forestais e adecuáronse á normativa de distancias uns 100 km de estradas e vías de ferrocarril. Ademais, houbo traballos de mantemento en 3.207 puntos de auga.
Creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, mellora e mantemento de pistas no monte ou eliminación de residuos forestais foron algunhas das labores. Así mesmo, supervisáronse o estado dos puntos de auga e fixéronse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo. As actuacións recollidas neste plan realizáronse por unha banda en montes e terreos forestais e, por outra, nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas. Todo isto, de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Subvencións e convenios
Este plan preventivo estima que mediante subvencións para a prevención dos danos causados por lumes, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor) trabállase no control selectivo de combustible en case 9.700 hectáreas, así como na construción dun total de 121 puntos de auga. No que se refire aos convenios con municipios para a súa participación e defensa contra incendios forestais, actualmente están subscritos acordos cun total de 259 concellos ademáis de outros 4 que solicitaron adherirse e 5 mancomunidades.
Os convenios con municipios céntranse en tres vías de colaboración: a participación mediante a actuación de vehículos motobomba, a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado e a contratación durante tres meses de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa, así como para a realización de traballos de prevención mediante o control do combustible de xeito manual.
Dentro deste plan activáronse 251 brigadas municipais, cunha superficie de actuación total de preto de 19.500 hectáreas, sumando os traballos manuais e os mecanizados. A elas cómpre engadir as case 600 hectáreas de actuación preventiva dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). No plan inclúense os traballos propios das actuacións preventivas no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga. Neste sentido, tendo en conta que os concellos adheridos a este acordo son 263 que solicitaron sumarse, potencialmente poderían levarse a cabo execucións subsidiarias en case 2.600 hectáreas e actuacións de xestión de biomasa en vías de titularidade municipal ata nun total de 2.590 km en toda Galicia. Así mesmo, nas parroquias priorizadas dentro deste convenio prevese actuar noutras 5.300 hectáreas ao longo deste ano.
Actuacións complementarias
Outras iniciativas que se contemplan para anticipación aos lumes son a dotación de material e vehículos, o plan de pastos, a silvicultura preventiva, as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais e que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 33 millóns de euros. A Xunta seguirá coa adquisición e mantemento de motobombas, a construción e arranxos nas emisoras e bases aéreas, o aluguer de vehículos para brigadas e axentes e diferentes equipamentos e ferramentas.
Pola súa banda, o Goberno galego puxo en marcha o Plan de pastoreo de Galicia, co obxectivo de fomentar a ordenación e posta en valor dos pastos da comunidade para un mellor aproveitamento dos recursos naturais, ao tempo que se traballa na anticipación aos incendios forestais. A iniciativa contempla ata 2.250 hectáreas que se recuperarán, co fin de dotar ás explotacións de máis base territorial e contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio á remuda xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural.
Tamén contribuirase ao equilibrio e sustentabilidade ambiental, non só polo coidado dos pastos senón tamén porque a meirande parte das ganderías que fan uso do pastoreo nos montes veciñais son gando de produción de carne de maneira sostible e con razas autóctonas.
Aldeas modelo
As iniciativas de mobilización de terras tamén destacan a través das aldeas modelo e os polígonos agroforestais, con actuacións en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos.
No caso das aldeas modelo, execútase a limpeza das franxas arredor das vivendas, eliminando maleza, pino, eucalipto e acacia e establécese nesa franxa actividade agrogandeira, co obxecto de que constitúa unha devasa natural fronte o lume. A previsión é de aprobar unhas 25 aldeas modelo en toda Galicia ao longo deste ano.
E no que atinxe á silvicultura preventiva, neste 2020 incídese na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais e, por outra banda, en incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.
Actividade incendiaria
Actualízase dentro do Pladiga 2020 a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o número delas redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano. Esta cifra axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben co número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.
O Pladiga 2020 potencia tamén as melloras tecnolóxicas coas aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume.
Tamén haberá información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos. Inclúense datos cartográficos actualizados como puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos, así como busca de topónimos e puntos quilométricos, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume e fotografía xeorreferenciada ou capacidades de edición para indicar puntos de encontro, devasas, perímetros provisionais do lume etc.