A Xunta de Galicia investirá 1,6 millóns de euros na ampliación do canle do río Lagares ao seu paso polo polígono do Caramuxo coa fin de reducir o risco de inundacións e o seu impacto nas industrial. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez abordou este luns en Vigo o plan de xestión do risco de inundacións do Lagares coa directiva de Asime e as empresas instaladas no citado polígono.
Vázquez trasladoulles que a Xunta lle remitiu ao Concello de Vigo o proxecto para esta contorna, xunto coas demais actuacións que compoñen o programa de xestión do risco de inundacións do río. Entre os proxectos técnicos das cinco actuacións prioritarias atópase a do Caramuxo, cuxa finalidade é protexer o territorio, as propiedades e as fábricas mellorando a capacidade hidráulica.
A intervención nesta zona céntrase en anchear a canle do Lagares ao longo dun treito de 815 metros do río neste ámbito, elevando a súa capacidade e reducindo o risco de asolagamento. Trátase de manter nas condicións actuais a liña inferior da sección transversal do río e formar unha pendente tendida nas liñas superiores para aumentar a capacidade do leito. De forma complementaria tamén se prevé retranquear as sendas fluviais existentes en ambas as dúas marxes do río.
A conselleira lembrou que o do río Lagares é un dos plans específicos que a Xunta está a desenvolver para as nove zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións. Cun orzamento total de 6,8 millóns de euros, recolle unha serie de actuacións paliativas e preventivas, de aplicación pola Xunta e o Concello, para minimizar o risco de enchentes.
O pasado día 3 de novembro a Xunta remitiulle ao Concello de Vigo o protocolo para cooperar no desenvolvemento, por parte a Xunta, das obras para previr o risco de inundacións, coa xestión dos terreos por parte da administración local. En total, o documento abrangue obras para mellorar o espazo fluvial do Lagares en catro ámbitos da cidade -entre eles o Polígono do Caramuxo-, e a creación de áreas de inundación controladas.
Ethel Vázquez sinalou que as medidas buscan incrementar a capacidade de predicir o risco de inundación e aproveitar a elaboración do novo Plan de urbanismo de Vigo para delimitar con claridade as zonas inundables e reforzar a prevención. Igualmente, apuntou que o plan aposta pola naturalización do leito do río e as infraestruturas verdes, fronte a outras solucións baseadas na construción de infraestruturas que afastan aínda máis os ríos do seu estado natural.
“A Xunta quere destinar 6,8 millóns ao obxectivo de reducir o risco de asolagamentos en Vigo e agardamos contar coa colaboración do Concello para poder empezar a desenvolver estas obras o antes posible”, remarcou.