A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron este luns unha xuntanza con representantes das navieiras encargadas do transporte regular de visitantes ás illas Cíes e o conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas na que se propuxo a posibilidade de prolongar a tempada alta ata o 15 de outubro, se as directrices do Goberno central así o permiten.
Na reunión, desenvolvida a petición das propias navieiras, trasladóuselles o “compromiso” da Xunta co sector para articular as medidas precisas que sexan viables e axuden a paliar a situación crítica que están a padecer.
A tempada de acceso ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas vén regulamentada no Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) deste espazo protexido, no que se establece que a tempada alta coincide co período transcorrido dende o 15 de maio até o 15 de setembro, ambos incluídos, así como a Semana Santa. Neste caso, a proposta consiste en estender un mes respecto ao período fixado.
Isto permitiría unha recuperación parcial de ingresos e actividade para estas empresas do sector turístico, coadxuvando a todo o sector que opera nestas áreas da franxa costeira galega. O tema porase en comunicación do Goberno Central aos efectos de que, se o estima, se pronuncie de xeito favorable ou desfavorable, dado que se trata dun espazo natural que goza da categoría de Parque Nacional.
Condicionado ao informe do Estado
De contar con informe positivo, a posibilidade articularíase a través dun acordo no seo do Centro de Coordinación Operativa (CECOP), de modo que se amplíe a tempada alta un mes sobre o período xa establecido ante as circunstancias excepcionais motivadas pola crise sanitaria. A Xunta defende que esta situación impediu o normal desenvolvemento da tempada alta de acceso de visitantes ao Parque Nacional e, polo tanto, non houbo afección para a protección dos valores naturais.
En calquera caso, a ampliación virá determinada polo proceso de desescalada que fixe o Goberno do Estado, que irá establecendo de xeito progresivo os sectores que poden ir recuperando a súa actividade.
Pantalán en San Simón
Na xuntanza, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou que están en marcha as xestións para realizar un pantalán na illa de San Simón, co que se busca reforzar a seguridade nas manobras de atraque dos barcos e a accesibilidade dos visitantes a este ben de interese cultural (BIC).
Trátase dun dos asuntos propostos para debate polos responsables das navieiras e que, neste intre, está en vías de poder acometerse.