Os esperados baños de bosque xa están máis cerca. A Deputación de Pontevedra abrirá este mércores, 1 de xullo, o prazo de inscrición para que as persoas que o desexen poidan anotarse no novo programa da institución ‘Bosques terapéuticos’, unha iniciativa turística e sostible que conxuga 30 visitas guiadas a cinco parques forestais da provincia coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan.
As 30 rutas se realizarán do 18 de xullo ata o 27 de setembro e se repartirán entre os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). Comezarán na fin de semana do 18 e 19 de xullo en Cabo Udra (Cangas) e Freaza en Fornelos. O prazo de inscrición para todas as rutas estará aberto desde este mércores ata catro días antes do comezo de cada unha delas, a través dun formulario en liña no sitio web da Deputación.
En total son 450 as prazas para as 30 visitas. Cada ruta, que durará ao redor de hora e media, contará cun máximo de 15 participantes co fin de garantir a calidade da mesma e respectar as medidas de seguridade sanitaria.
As visitas están destinadas ao público en xeral para poder desfrutar destes parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación nestes últimos anos. Cada unha das rutas terá un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre el xirará toda a actividade, dirixida por persoal experto en proxectos relacionados coa difusión e interpretación do patrimonio e o turismo sostible.