A Deputación de Pontevedra abre este luns, 24 de outubro, o prazo de inscrición para a penúltima das rutas ornitolóxicas programadas dentro da quinta edición da iniciativa ‘Voando nas Rías Baixas’, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.
Esta nova ruta, que se desenvolverá o 6 de novembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da enseada de San Simón, que abrangue os concellos de Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa. Ofértanse 25 prazas para esta actividade guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse xa na páxina web da Deputación (www.depo.gal).
A Enseada de San Simón está situada no máis profundo da ría de Vigo, onde a influencia das mareas propicia nesta paisaxe intermareal, a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais dunha gran riqueza de contornos arbóreos converténdoa nun espazo protexido pola Rede Natura 2000.
Ademais do parrulo asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.
A andaina estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo terreo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas.
Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.
Tras esta penúltima ruta, e despois de pasar por localizacións como o Complexo Intermareal Umia-O Grove, as Ribeiras do Río Umia, o Parque Natural do Monte Aloia, as Brañas de Xestoso, e a Serra do Suído, o programa ‘Voando nas Rías Baixas’ concluirá o 18 de decembro coa ruta pola desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio-Pontevedra).