Nos últimos anos centos de persoas participaron como voluntarios nestas limpezas de praias. Este ano serán máis dunha ducia de areais nos que haberá algunha actividade e nas que participarán entidades de moi diversa índole como centros de ensino, asociacións ecoloxistas ou concellos. O obxectivo é claro: dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta.
Estas iniciativas son actos simbólicos nos que os seus promotores queren deixar claro que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Pola contra, trátase de actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema.
Nesta edición ADEGA e o Campus do Mar repartirán un novo protocolo de limpeza de praias entre as persoas participantes na xornada no cal se explica de xeito sinxelo cales son os pasos a seguir antes, durante e despois da actuación, para realizar unha limpeza ecolóxica.
Ademais, farase fincapé noutros aspectos importantes dos ecosistemas litorais que deben ser coñecidos por todos os voluntarios e voluntarias participantes, como son a presenza de algas invasoras ou especies ameazadas.
Moaña, Nigrán, Baiona, Ribadeo, Muxía, Carballo, Fisterra, Muros, Porto do Son, Rianxo ou Ogrobe son algúns dos concellos nos que se realizarán as limpezas.