Un total de 445 familias e 66 concellos dispuxeron o pasado ano 2021 de axudas por un montante global de 2 millónes de euros para corrixir impactos paisaxísticos de edificacións particulares e municipais en toda Galicia e, polo tanto, para apostar polo fermosismo. Tratouse dun programa pioneiro, impulsado por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), e cuxa convocatoria inicial foi moi ben acollida tanto por parte dos cidadáns como polas entidades locais galegas
De feito, o interese espertado por ambas ordes de axudas, con máis de 800 solicitudes recibidas, fixo que o orzamento consignado se esgotara en poucos días. Finalmente, un total de 445 particulares de 178 concellos beneficiáronse para acometer diferentes obras sobre os seus inmobles, incluíndo traballos de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas ou acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento.
Foron en total preto de 1,2 millóns de euros que se repartiron entre todas as familias, cun importe equivalente ao 70% do orzamento do investimento subvencionable e un límite máximo de 3.000 euros por persoa.
En canto á orde dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, 66 municipios recibiron o apoio económico da Xunta en 2021 para levar a cabo diferentes intervencións de mellora sobre edificios e outros equipamentos baixo a súa titularidade. En concreto, a convocatoria tiña dúas liñas diferenciadas: unha para actuacións en edificios ou dependencias destinadas á prestación de servizos municipais e outra para melloras en equipamentos públicos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos.
Ata 25.000 euros
Os 800.000 euros dispoñibles para ambas liñas tamén se esgotaron e as entidades locais beneficiarias recibiron ata un máximo de 25.000 euros se a actuación subvencionable tiña como fin intervir sobre un edificio municipal, e de ata 10.000 euros en caso de que o ben obxecto de acondicionamento, reparación ou rehabilitación fose unha fonte, un lavadoiro público, un palco da música ou un hórreo.
En conxunto, a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixidas a particulares e a concellos saldouse con máis de medio milleiro de subvencións concedidas que permitiron intervir nun total de 222 municipios galegos. Ademais, tendo en conta que a achega da Xunta non cobre a totalidade do custo da actuación, estímase que grazas a estas subvencións se mobilizou un investimento total de 2,9 millóns de euros.
Novo apoio económico
En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta volveu apostar este ano por brindar o seu apoio económico a aqueles cidadáns e concellos que executen actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións e equipamentos que repercutan de forma positiva na súa contorna.
De feito, xa convocou de novo as dúas ordes de axudas dirixidas a propietarios particulares e concellos co fin de apoialos na execución de actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos en vivendas, edificios e equipamentos públicos de titularidade municipal provocados polo paso do tempo ou unha mala conservación. En total, volverán contar este ano cun orzamento global de 2 millóns de euros.
Na convocatoria de 2022 simplifícanse os trámites, redúcese a documentación a presentar polos solicitantes e introdúcese toda unha serie de especificacións e novidades técnicas co fin de ampliar o ámbito das actuacións subvencionables. As ordes de axudas xa saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia e, no caso dos particulares, o prazo de solicitude, a través da Sede Electrónica, remata o día 21 de febreiro.
Calidade de vida e o benestar
A paisaxe é un elemento que contribúe a axudar a mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns xa que a contorna das persoas inflúe notablemente na súa actividade diaria, polo que é importante protexer a diversidade paisaxística de Galicia.
A tal fin, este ano vólvense convocar as axudas do IET xa que, por unha banda, repercuten directamente na economía dos galegos, que poden obter así unha subvención para corrixir impactos paisaxísticos nos seus bens inmobles; e por outra, contribúen a que teñan unhas óptimas condicións de vida, mediante o apoio aos concellos a través do financiamento de actuacións de renovación, remate e mellora en edificios destinados á prestación de servizos municipais e en equipamentos que, sendo de titularidade municipal, son de uso ou desfrute para o conxunto da poboación.
Cultura de dignificación
En definitiva, coa convocatoria destas dúas liñas de subvencións promóvese unha cultura de dignificación do territorio galego no que a participación da sociedade resulta estratéxica, fomentando o coidado da riqueza paisaxística e avanzando na aposta da Xunta polo fermosismo. Ademais, tamén se desenvolve un dos obxectivos previstos no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024: realizar accións concretas de protección, potenciación e mellora das paisaxes, así como formar, sensibilizar e educar na materia.