«A grande demanda de visitas ás illas Cíes está a ocasionar que se desvíen visitantes á illa de Ons para non exceder a cota de 2.200 persoas/día fixados para o arquipélago vigués. Deste xeito, a illa de Ons está a soportar unha carga de visitantes de ata 4.000 persoas/día, excedendo en grande medida as 1.800 previstas no borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) que a Xunta de Galicia e a Dirección do Parque Nacional levan xa 15 anos sen aprobar, coas consecuencias nefastas que isto ocasiona para a conservación dos valores naturais e para a seguridade das persoas», explica Verdegaia.
Segundo indica a organización, o control do exceso da cota de visitantes nas illas Cíes ten que contar cunha visión integral que abranga todos os arquipélagos do Parque Nacional e que pase pola aprobación do PRUX, xa que este é o documento que rexe os usos que se poden levar a cabo no espazo protexido. «Calquera outra solución que non contemple a aprobación deste documento é insuficiente», apunta.
«Proba diso é que algunhas das empresas navieiras están a redirixir con destino á illa de Ons os viaxeiros que xa non poden transportar a Cíes debido ás medidas de control da cota de viaxeiros por fin impostas pola Administración este ano. Isto pode parecer algo positivo e sen ningún tipo de problemática asociada, mais, desgraciadamente, non é así», engaden.
Mentres que o transporte de visitantes ás illas Cíes ten un máximo de 2.200 persoas/día establecido pola resolución de 3 de xullo de 2000 da Dirección Xeral de Transportes pertencente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, ademais de tamén constar no borrador do PRUX, o transporte de visitantes á illa de Ons tan só está esbozado nese borrador en 1.800 persoas/día. Ademais, aseguran que «ó non estar aínda aprobado a día de hoxe ese documento regulador da xestión no Parque Nacional, esa previsión de cota non ten validez legal».