Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, a asociación Vigo Ciclábel organiza a I Bicicletada pola Mobilidade. Esta acción terá lugar o xoves 22 de setembro e sairá desde o Olivo do Paseo de Alfonso XII ás 20:00 horas. A actividade durará aproximadamente unha hora, tempo durante o cal se completará un percorrido sinxelo polas principais rúas da cidade.
A marcha partirá do Paseo de Alfonso XII e rematará na Praza de Compostela tras pasar por Pi y Margall, López Mora, Praza da Independencia, Camelias, Venezuela, Brasil, Fernando O Católico, Urzaiz e República Arxentina.
A Bicicletada pola Mobilidade é un evento lúdico e reivindicativo, que quere poñer o foco en varias cuestións relevantes para fomentar a mobilidade activa. Estas cuestións son a necesidade dunha rede ciclista e a aplicación de políticas de pacificación do tráfico.
Desde Vigo Ciclábel apostan por unha rede de carrís bici e ciclocarrís “ben conectados e con criterios homoxéneos”, que permitiría percorrer a cidade en vías segregadas ou por vieiros de tráfico pacificado. E para acadar este obxectivo, a asociación pide “políticas de pacificación do tráfico efectivas en todas as rúas da cidade”.
Algunhas medidas a tomar de xeito urxente serían, por exemplo, a redución da velocidade con lombos, os controis de velocidade en todo o casco urbano, o control do estacionamento irregular en paradas de autobús ou carril bici e a dobre fila, ou ben a redución a 10 quilómetros por hora nas zonas de prioridade peonil e nas contornas escolares.
Ademais, o venres 23 de setembro terá lugar unha palestra sobre a análise do estado do carril bici de Vigo. Nesta actividade exporanse o estado da infraestrutura e as conclusións obtidas deste ano de funcionamento do único carril bici existente en Vigo.