O programa Camiño a Camiño, da Concellería de Medioambiente, organiza para esta próxima fin de semana paseos interpretativos polos montes de Vigo, concretamente polos montes de Valladares e de Matamá-Comesaña. En cada unha das andainas haberá dous niveis de dificultade.
En Valladares percorrerase a contorna do Parque Forestal do Monte dos Pozos, coa súa particular panorámica da ría de Vigo, e o antigo vertedoiro de O Zondal. Neste punto sepáranse as rutas previstas. A curta diríxese cara a Cruz da Pinguela e a longa cara o Monte Cepudo e o Monte Alba, pasando no retorno pola citada cruz ao carón do cemiterio privado de Valladares.
A actividade desenvolverase o sábado a partir das 17.00 horas. O punto de encontro, no que haberá que estar 15 minutos antes de saír, é o Parque Forestal do Monte dos Pozos. O percorrido curto ten unha extensión de 4,3 quilómetros e unha pendente media do 7,8%. O percorrido longo será de 6,7 quilómetros, cunha pendente media do 9,4%. Tras completar a andaina poderase gozar dunha actuación musical (19.30 horas) a cargo da A.F. Queixumes e da A.F.C Froles Novas.
En Matamá-Comesaña poderase contemplar como se está producindo a rexeneración dos montes queimados en 2017, con interesantes panorámicas e recunchos cun encanto particular polo novidoso da actuación realizada (lagoa, arboreto, etc) ou pola historia que ten (antigas canteiras, muíños, rodeiras de carros, antiga incineradora, etc)
Esta actividade terá lugar o domingo pola mañá. A saída está programada para as 10.00 horas. O punto de encontro situarase no Parque Forestal do Maruxento (Matamá). O percorrido curto constará de 3,5 quilómetros e dunha pendente media do 8,4%. O percorrido longo contará con 8 quilómetros e unha pendente media do 9,3%. Ás 12.30 horas actuarán a A.F.T. Os Ventos de Comesaña e a A.X de Tempo Libre Vagalume.
As prazas están limitadas a cen participantes por paseo. O período de inscrición –a través do 010- remata ás 20.00 horas do mércores para persoas empadroadas en Vigo. O xoves poderán apuntarse as persoas non censadas. Só é posible anotarse a un único paseo por fin de semana, aínda que se pode solicitar estar na lista de agarda do outro para o caso de que houbese prazas dispoñibles.