A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, convoca unha nova actividade de voluntariado para a eliminación de especies exóticas invasoras no río Tea, ao seu paso polo concello de Mondariz. Esta xornada terá lugar esta fin de semana do 31 de maio e 1 e 2 de xuño, e para inscribirse nela é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de www.adega.gal ou escribir un correo electrónico a maria.amigo@adega.gal.
Con esta nova actividade, Adega continúa, no marco do Proxecto Fluviatilis, coas actividades de xestión e control da flora exótica invasora co obxectivo de dar a coñecer os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais e facilitar a participación da cidadanía na súa xestión a través de accións de voluntariado ambiental, para promover actitudes e comportamentos que redunden na mellora dos ríos.
O LIC Río Tea é, en concreto, unha das áreas de actuación propostas por Adega para levar a cabo estas accións a través das xornadas de voluntariado. Alí continuarase cos traballos de eliminación das especies Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Phyllostachys spp., Phytolacca Americana, Robinia pseudoacacia e Crocosmia x crocosmiiflora nunha zona de alto valor ecolóxico. A actividade tamén estará dirixida á selección de metodoloxías de eliminación de EEI adecuadas que permitan abordar con éxito as futuras actuacións de restauración dos ríos e a implantación de solucións baseadas na natureza.
As actividades, tanto de xestión e control das EEI como de educación, sensibilización e voluntariado ambiental dirixidas a distintos públicos son unha das propostas do Proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A actividade de voluntariado terá o seguinte programa e contidos:
Venres 31 de maio
- 18:00h Recepción do voluntariado no Albergue Alentea
- 19:00h Formación sobre a problemática das especies invasoras Xestión ambiental das EEI en espazos fluviais: liñas de actuación e mecanismos de control
- 21:00h Cea
- 22:00h Tempo de ocio
Sábado 1 de xuño
- 9.00h Almorzo
- 10.30-13.30h Traballos de eliminación
- 14.00- 15.30h Xantar de campo e descanso
- 15.30-18.00h Continuación dos traballos de eliminación e regreso ao albergue
- 21.00h Cea
- 22.00h Tempo de ocio
Domingo 2 de xuño
- 10.00h Almorzo
- 11.00 Posta en común e avaliación dos traballos realizados
- 14.00h Xantar de campo
- 15.00h Ruta polo río Alén
- 18.00h Despedida e clausura do campo de voluntariado