A Cemma levou a cabo un total de 125 embarques desde o ano 2003 ata o 2011, cunha media anual de 14, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun avistamento cada 2,4 h de navegación ou 28,6 km percorridos.
«A falla de financiamento truncou ese traballo rutineiro e nos seguintes anos realizáronse tan só campañas de fotoId e campañas puntuais e sen continuidade. No ano 2018 lanzou a proposta dos Embarques participativos-EP con grande éxito de convocatoria pois permitiu a realización de 12 embarques nos portos de Vigo e o Grove na que se implicaron case 100 persoas», sinalou este venres a Coordinadora nun comunicado de prensa.
A Cemma quere agora recuperar as campañas sistemáticas de monitorización de cetáceos con continuidade ao longo dos anos para estudar a evolución das poboacións de cetáceos no litoral de Galicia. O obxectivo principal deste proxecto é o de incorporar información sobre a presenza e distribución dos cetáceos da plataforma de Galicia mediante a monitorización a través da realización de embarques.
Así, voluntariado e público en xeral compartirán gastos e calquera persoa pode participar independentemente dos seus coñecementos sobre o mar, cetáceos ou campañas. A iniciativa está limitada a menores de entre 12 e 18 anos que vaian acompañados.
As expedicións partirrán desde os portos de: Vigo, Portonovo, O Grove, Fisterra e Foz, en diferente tipo de plataformas, cunha periodicidade dun embarque mensual en cada porto e con prezos que van desde os 60 aos 95 euros. Podese consultar toda a información das campañas de embarques participativos, para a monitorización de cetáceos, na web de Cemma ou enviando un correo a cemmasolicitud@gmail.com.
Estas campañas están autorizadas como actividade de avistamento de cetáceos pola Secretaria de Estado de Medio Ambiente, dependente do Ministerio de Transición Ecológica, e de conseguir o obxectivo marcado esta sería a campaña de maior cobertura realizada ata o de agora en toda a costa de Galicia.