A Policía Autonómica detivo en Vigo a un home como presunto autor dun delito de resistencia e desobediencia á autoridade. Segundo informou este venres a Xunta de Galicia, ao acusado se lle comisaron 5 quilos de percebe durante un dispositivo que tivo lugar o pasado martes.
Ese día, tras o requirimento do gardapesca da Confraría de Pescadores de Vigo, os axentes identificaron a un home que estaba a extraer percebe de xeito ilegal na zona da illa de Toralla e levantaron unha acta de infracción á Lei de Pesca de Galicia.
Pasado un tempo, volveron ser requiridos polo gardapesca, que recibiu ameazas do mesmo individuo tras comisarlle unha bolsa con 5 quilos de percebe cando este regresara ao lugar dos feitos a continuar coa actividade extractiva.
Os policías procederon á súa detención e “tamén recibiron ameazas e insultos por parte deste varón, que ademais ofreceu resistencia”. O arrestado foi trasladado por estes feitos á comisaría da Policía Nacional en Vigo para a tramitación dun atestado policial. O marisco intervido foi entregado a unha asociación benéfica de Vigo.