A asociación Ecoloxistas en Acción denunciou este xoves que o Concello de Vigo está a tallar no monte do Castro árbores lonxevos e nobres que se atopan en bo estado, prexudicando así ao medio ambiente e ao patrimonio natural da cidade. A administración local anunciara o pasado 19 de abril a retirada de 85 árbores do Castro, Samil e Gran Vía por estar “en mal estado” e “enraizados nun solo non axeitado para eles”. Unha xustificación que desbotan os ecoloxistas.
“O alcalde de Vigo amosa unha vez máis que é un inimigo declarado das árbores”, sosteñen desde Ecoloxistas en Acción, que apoian o “imprescindible” e “prioritario” proxecto de rehabilitación da muralla do Castro pero doutro xeito. De feito, aseguran que a obra que acometen o Concello de Vigo e o Ministerio de Fomento “agocha un intencionado cambio do parque, xa que urbanizará gran parte dos sendeiros e ten coma obra estrela a instalación dun gran sistema de iluminación da muralla e a construción dunha zona de gradas”.
Ademais, o grupo de defensa do medio ambiente lamenta que esta actuación se produza en pleno estado de alarma. “Na sétima semana de confinamento se consuma a destrución dunha parte moi importante do patrimonio natural do recinto do Castelo sen que os vigueses coñezan o que se está realizando neste momento, precisamente na época de nidificación de aves e de maior esplendor das árbores”, sinalan. “É necesario sempre facer unha valoración experta na que prime a conservación, non a talla e eliminación”, engaden.
O colectivo detalla que o proxecto recolle a intervención sobre árbores senlleiras, adultas e sas que non supoñen ningunha ameaza de danos estruturais á muralla, salvo un exemplar de acacia negra que creceu pegado á base no leste da muralla. Segundo din, os outros exemplares afectados son árbores nobres coma carballos americanos, seis cedros, dúas acacias, un ciprés, un abeto e tres cerdeiras xaponesas.
Ecoloxistas en Acción, que distribuíu fotografías tomadas nos últimos tres días, tamén advirte de que a instalación de pantallas reflectoras de luz e o sistema de cables implican obras de canalización e de electrificación e aportarán “aínda máis contaminación luminosa a esta cidade”.