A asociación Ecoloxistas en Acción vén de denunciar o procedemento habitual de limpeza das praias utilizado polo Concello de Vigo e pediu á administración local que atenda a súa solicitude para cambiar dito procedemento.
O mecanismo empregado, no que unha pala escavadora arrastra as algas e varios centímetros da capa superficial da area para botalos de seguido ao mar supón, segundo os ecoloxistas, “a destrución do ecosistema da zona intermareal e as súas cadeas tróficas”.
“As algas son fundamentais para o funcionamento e conservación dun ecosistema litoral vivo, igual que o é o manto vexetal nun bosque. Depositadas na area, constitúen o alimento dun pequeno crustáceo encargado de ‘eliminalas’ de xeito natural, a pulga de mar, quen a súa vez forma parte da dieta de moitas aves limícolas presentes na nosa costa como virapedras, píllaras ou correlimos”, expón Ecoloxistas en Acción. Así, esta forma reiterada de actuar, retirando as algas e botándoas ao mar danaría “gravemente” a biodiversidade, privaría a estas especies do seu alimento e provocaría tamén que se produza unha “putrefacción” non natural de masas de algas na auga.
Por iso, a asociación acaba de pedir ás administracións responsables que teñan a ben poñer fin a tal “innecesario proceder” e a velar polo coidado e preservación do fráxil equilibrio ecolóxico do litoral vigués.