En menos de 10 minutos cubríronse as 25 prazas dispoñibles para participar na actividade inaugural da terceira edición de “Voando nas Rías Baixas”, un programa ideado pola Deputación de Pontevedra en colaboración a SEO Birdlife.
Esta primeira ruta ornitolóxica terá lugar o vindeiro 26 de xaneiro para observar aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón, na ría de Vigo, zona protexida pola Rede Natura 2000. O interese nestas rutas tamén evidénciase no feito de que recibíronse máis de 60 solicitudes nos primeiros 20 e é que o apartado da web de “Voando Rías Baixas” recibiu 1.200 visitas durante este fin de semana.
Na enseada de San Simón a influencia das mareas propicia nesta paisaxe intermareal a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos, de aí que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do parrulo asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo ou o mazarico real e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.
“Voando nas Rías Baixas” enmárcase no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Esta edición está composta por cinco rutas que tras a que acollerá a enseada de San Simón viaxará ata o Complexo Intermareal Umia-O Grove, o 16 de febreiro; o Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, o 8 de marzo; as Brañas de Xestoso, o 31 de maio, e a Serra do Suído, o 21 de xuño. Para a segunda ruta guiada o prazo de inscrición abrirase o 3 de febreiro.
En todos os roteiros disporase de material para a observación das aves e de guías de SEO-Birdlife que achegarán ás persoas participantes toda a información sobre onde localizar as aves e as súas características.