Pelayo foi solicitado polo zoo de Vigo en 2006 dado que o parque de Carmona non podía darlle cabida nin a el nin ao seu irmán. No ano 2009, sufriu un gravísimo accidente que fixo perigar a súa vida e desde a Concellería puxéronse todos os medios precisos para a súa curación. Foi trasladado pola vía da urxencia ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina onde, logo de complexas operacións, conseguiuse salvar a vida do animal.
Durante anos, foi o animal máis emblemático do noso parque e foron miles os nenos e maiores que o gozaron e do que aprenderon cousas da súa importancia nos ecosistemas naturais. Pelayo deixa Vigozoo vítima dunha longa enfermidade pero o seu legado no parque é unha historia persoal ligada á superación e á supervivencia.
A súa presencia serviu para educar aos menores en como a inxerencia perversa do ser humano na natureza pode apartar a un animal do seu hábitat natural.
Desde a Concellería aclaran que en Vigozoo só se recollen animais de decomisos, animais que non se poden reinsertar na natureza -como o caso de Pelayo-, enfermos e sen posibilidades de sobrevivir na súa contorna natural.