Tal e como explican os veterinarios da Cemma, o estado de Guardesiña no momento do ingreso era moi reservado, sendo diagnosticada e tratada polo equipo veterinario dunha afección pulmonar grave e desnutrición. A evolución nos días seguintes foi positiva, mellorando o seu estado xeral ao recuperar a temperatura corporal, diminuír a afección respiratoria e comezar a alimentarse por si mesma.
Nestes momentos, o animal mantén aínda un estado de saúde delicado pero está fóra de perigo. O máis importante agora é que recupere a súa capacidade de alimentarse por si mesmo. Este será o factor determinante á hora de tomar unha decisión sobre o seu retorno ao medio mariño, un proceso para o cal se adoita contar coa colaboración dos barcos arrastreiros para poder achegar a estes animais á súa área de procedencia.
Exemplares recollidos e observados en 2018
A tempada de lobos mariños en Galicia adoita prolongarse durante os tres primeiros meses do ano. En 2018 os avistamentos nas costas coincidiron coa chegada dos temporais. Así, o primeiro exemplar foi rexistrado en Malpica, onde baixou ata a praia pero volveu pola súa conta ao mar.
Posteriormente foron rexistrados e recollidos tres exemplares máis varados en O Vicedo, Valdoviño e A Guarda, dos cales tan só sobreviviu Guardesiña; e un máis foi observado na costa de Cabo Ortegal.
Cada ano varan nas costas galegas unha media de 280 exemplares de réptiles e mamíferos mariños, moitos dos cales están incluídos no listado de especies en réxime de protección especial e no catálogo español de especies ameazadas.
A través do convenio que teñen a Xunta e a Cemma, estes animais poden ser recollidos, nos casos en que sexa necesario, atendidos co tratamento veterinario máis axeitado e finalmente devoltos ao medio mariño unha vez estean preparados para sobrevivir polos seus propios medios.