A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de limpeza de conservación no tramo interurbano do río Pexegueiro, no municipio de Redondela.
Estes traballos de mantemento e conservación están a desenvolverse ao paso deste río polos lugares do Camiño do Val do Muiño e Camiño de Ganga, na parroquia do Viso.
As actuacións lévanse a cabo nos treitos interurbanos deste río e céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta na canle e roza selectiva de masas localizadas de especies invasoras. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións se enmarcan no programa de mantemento de Augas de Galicia, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Sur e as súas zonas de acceso e protección.
Este tipo de traballos da administración hidráulica da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema dos ríos.