Segundo informou este sábado a Consellería de Medio Ambiente, as tarefas consistiron na retirada de árbores caídas e troncos e ramas que provocaban atascos á altura das rúas Manuel Álvarez e Ramón Nieto. Tamén se procedeu á roza de determinadas zonas e á retirada de residuos urbanos localizados nas inmediacións.
En total actuouse nun tramo de 650 metros de lonxitude e Augas de Galicia estima que o importe destes traballos se eleva a case de 7.000 euros. Estas accións están enmarcadas no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e as súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia está a desenvolver.
Pulo ás actuacións de conservación e limpeza
Grazas ao Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, que inclúe as medidas necesarias para axilizar a limpeza dos ríos e as actuacións de emerxencia en época de seca, -entre outros puntos- a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reduce de 6 meses a 15 días o período de tramitación para autorizar limpezas de ríos co fin de optimizar o estado ecolóxico das canles da Demarcación Galicia-Costa e evitar riscos de asolagamentos.
Coa nova normativa só será necesario que o particular ou administración local correspondente comunique con 15 días de antelación as tarefas a executar a Augas de Galicia. Trátase dunha axilización fronte aos trámites actuais, que se traducen nunha duración de entre 4 e 6 meses por expediente. A día de hoxe, realizar este tipo de actuacións precisa unha presentación da solicitude, especificando o tramo e os traballos de limpeza, visita da gardería, informes técnicos e proposta-resolución.
A simplificación no procedemento fomenta a vontade para mellorar os leitos da Demarcación Galicia-Costa, xa que a actual xestión provocaba que os solicitantes perderan a motivación de levar a cabo esta mellora e acción de mantemento nos ríos.