O grupo municipal da Marea de Vigo amosou este luns a súa oposición á nova privatización de servizos que o Concello vai acometer en Vigozoo. A xestión do espazo de animais nocturnos será de xestión privada a partir deste luns, sumándose así ao contrato que xa impera no reptiliario, no bolboretario e no sistema de control de accesos e venta de entradas.
A formación critica ademais que “xa son varios os contratos que quedaron desertos e tiveron que modificarse, o máis recente o de campamentos no zoo, que este luns vai de novo á Xunta de Goberno Local cunha modificación de importes”. Segundo o seu voceiro, Rubén Pérez, “isto non fai máis que amosar de novo que o Goberno local non se sabe que modelo de futuro quere darse ao centro”.
Marea de Vigo considera que o anuncio feito hai anos por Abel Caballero para mudar o modelo de zoo, e reafirmado polo propio alcalde meses atrás, non se transforma en feitos. “Non se atalla a situación simplemente metendo empresas privadas a facer xestión das actividades se non se realizan os investimentos públicos precisos para cambiar o modelo e as instalacións”, matiza Pérez, que avoga por converter as instalacións da Madroa nun “centro de conservación de especies” e non mercar máis animais, como se fixo en Barcelona.
Para a formación política, a xestión pública directa dos servizos e mesmo das actividades pode axudar na liña do novo modelo. Marea de Vigo ten amosado en múltiples ocasións a preocupación pola falla de persoal público no parque e lembra que a praza de conservador estivo deserta “durante moito tempo”. Segundo Rubén Pérez, e o mantemento das instalacións é “absolutamente precario” pola carencia de traballadores e mesmo segue sen darse o investimento preciso para “arranxar avarías que evitarían as múltiples fugas de auga e mellorarían o estado de moitas instalacións”.