O Parque Forestal Maruxento de Matamá acolleu este xoves a celebración dun acto conmemorativo do terceiro aniversario dos lumes de outubro de 2017 para lembrar o momento dramático vivido hai tres anos. “Fomos quen de facerlle fronte cos nosos propios medios, a cidade actuou soa e fomos quen de rematar o lume en doce horas, polo que volvo felicitar á cidade por aquel comportamento”, declarou o alcalde, Abel Caballero.
No acto descubriuse unha placa conmemorativa de agradecemento ao labor dos corpos e forzas de seguridade, ás comunidades de montes e á cidadanía que cooperou para acabar cos lumes de hai tres anos.
Ademais, o alcalde informou da aprobación na Xunta de Goberno Local deste venres do expediente de contratación por procedemento aberto do contrato de servizos de roce e limpeza da biomasa vexetal en fincas con risco de incendio, unha competencia, dixo, que a Xunta de Galicia delegou nos concellos que deben notificar aos propietarios a obriga de limpar esas franxas secundarias.
No caso de que estes non actúen os municipios deben facer esta limpeza de forma subsidiaria, derivando a factura do custo, posteriormente, aos titulares das parcelas. O contrato ten un importe de 525.000 euros para os anos 2020 e 2021.
Vigo conta con máis de 34.000 parcelas suxeitas a esta limpeza, ao estaren en franxas secundarias do monte, das que un número importante ten propietario descoñecido, que foron publicados no BOE pero que ao non asumir a obriga é o goberno municipal quen realiza a limpeza e roce.
Caballero lembrou tamén que o goberno municipal ten proxectada a construción dun anel verde nos montes de Vigo; unha ronda vexetal para illar o lume cun orzamento de construción de 7,5 millóns de euros e un ancho de 100 metros nalgunhas zonas, para permitir a mobilidade dos camións de bombeiros e configurando un gran cortalumes. Será unha zona preparada con vexetación autóctona que contribúa a evitar a expansión do lume.
O Concello enviou o proxecto básico ao goberno autonómico e “nunca máis soubemos disto”, dixo o alcalde, que criticou que a Xunta obrigue aos concellos a “facer traballos que deben facer eles e que non sexan capaces de autorizar esta gran construción do Concello”.