A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos inicia unha nova campaña municipal de promoción da compostaxe mediante o reparto de composteiros de xeito gratuíto entre a veciñanza. Ademais dos recipientes clásicos, entregaranse por primeira vez no municipio cubos de compostaxe para ter dentro das casas. As persoas interesadas en facerse cun deles poden solicitalo por escrito a través do Rexistro Xeral do Concello ou online na sede electrónica.
Segundo o Concello, Mos experimentou nos últimos anos un “verdadeiro ‘boom’ da compostaxe”. O concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, declarou sentirse “moi satisfeito do interese, a implicación e a concienciación cidadá neste senso” e salientou que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que comprobamos que xa está moi arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra”.
Estes composteiros sonlle concedidos de balde ao Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama). A administración local entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego. Igualmente, se lles fai unha revisión anual para garantir o seu correcto funcionamento.
Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos en Mos. A axeitada xestión dos residuos é crucial para un mantemento sostible da localidade. Cos composteiros se volven usar restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor, o que supón unha gran vantaxe ambiental, económica e social.
Ademais, se permite aos particulares eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes aos colectores para levar o lixo, posto que case a metade dos residuos que se xeran nos fogares galegos está formado por materia orgánica.
Funcionamento
O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.
O mellor para obter un bo compost é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, po e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.
Dada a súa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.