Nigrán estreou este mércores unha electroliñeira de Iberdrola ao carón do Centro de Negocios do parque empresarial Porto do Molle e contará nos vindeiros días con outra igual en Panxón. Así, a localidade xa dispón dunha semi-rápida e de balde pegada á Casa do Concello e é a única da comunidade que, ademais, ten todas situadas en espazos públicos.
A vantaxe e singularidade desta nova instalación operativa as 24 horas do día é que é de carga rápida (50 kw/hora), o que permite completar o 80% da batería do coche en só media hora. É o segundo dispositivo da provincia en ofrecer esta alta capacidade de subministro (recentemente abriuse unha nun espazo privado en Vigo). A electroliñeira situada a carón do consistorio ten dúas tomas. Esta nova conta con capacidade para catro, as mesmas que a que abrirá en Panxón.
A instalación destes novos puntos corre a cargo da empresa nigranesa Aceuve. Iberdrola vainos explotar cun prezo de mercado de 30 céntimos kw/hora (supón unha media de 10 euros por batería cargada ao 80%, para o que se precisa menos de 30 minutos). Todo o ciclo (posibilidade de reserva do conector, pago, información de prezos e situación…) xestiónase de forma sinxela a través da aplicación de Iberdrola para Android e IOS.
Os representantes de Iberdrola e Aceuve salientan que os prezos son moi asumibles e supoñen un desembolso para o consumidor de entre 1,5 e 2 euros por cada 100 quilómetros, polo que estes vehículos resultan moi rendibles economicamente, ademais de ser ecolóxicos.