O Bloque Nacionalista Galego demandou este venres a paralización inmediata das obras que veñen de ser denunciadas á beira do río Lagares, moi preto do seu nacemento, na parroquia de Cabral, concretamente nas inmediacións da lagoa Mol.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, dirixirase ao goberno municipal para demandar a súa actuación diante de obras de grande alcance nas inmediacións do curso fluvial do río, con utilización de maquinaria pesada, movementos de terras e talla de arboredo nun ámbito de máis de 200 metros cadrados, das que non hai constancia nin da súa finalidade nin de que conten con ningún tipo de autorización.
“Non é a primeira vez que se producen este tipo de actuacións nas proximidades do río pola vía dos feitos consumados, polo que para o BNG é claro que o Concello non pode ficar de brazos caídos diante do que pode constituír unha irreversíbel agresión ambiental ao río Lagares”, defendeu.
Igrexas anunciou que interpelará ao goberno municipal na comisión informativa de medio ambiente que se vai celebrar o vindeiro luns para que se dea conta de se tiñan constancia destas obras e das medidas adoptadas para garantir a protección ambiental do río e da súa contorna.
Así mesmo, dado que a Xunta ten competencias sobre o propio curso fluvial, a fronte nacionalista tamén dará traslado desta denuncia e da demanda de actuacións e explicacións a través de iniciativas no Parlamento de Galicia.
O desenvolvemento destas obras foi denunciado este xoves pola Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca) por “xerar unha importante preocupación na comunidade veciñal, ante a posibilidade de que os traballos estean a realizarse sen a preceptiva licenza ou que os operarios estean a excederse dos termos dun hipotético permiso para obrar”.
Dado o notable valor natural desta paraxe e o risco de que se estean a executar actuacións que poidan danala ou modificala de xeito moi sensible, Aveeca pediu ao Concello de Vigo que adopte, de ser o caso, as medidas necesarias para paralizar os traballos e devolver a contorna ao seu estado orixinal.