O Bloque Nacionalista Galego reclamou este luns a elaboración dun plan de conservación e protección do arboredo fronte á “motoserra depredadora” do alcalde de Vigo, Abel Caballero. Así o demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras unha nova “talla masiva” de árbores nos últimos días nunha área de 2.500 metros cadrados no bulevar da Avenida de Castelao.
A formación nacionalista interpelou sobre esta cuestión ao goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente celebrada este luns para preguntar sobre a xustificación técnica e ambiental deste “arboricidio” no barrio de Coia. “A resposta foi a de sempre: un clamoroso silencio”, denunciou Igrexas.
O portavoz do BNG asegurou que esta actuación se engade a un “longo historial” de tallas “inxustificadas” por parte de Abel Caballero durante os últimos anos en diferentes ámbitos da cidade: Gran Vía, Ronda de Don Bosco, o monte do Castro, na praza da Miñoca, en Gregorio Espino, Martínez Garrido ou Samil.
No mesmo sentido, criticou o “maltrato reiterado” contra os exemplares dos xardíns históricos da Alameda, “vandalizados” para ser postes de luces de Nadal, ou reformas como a peonalización da Porta do Sol que non contan con arboredo, agás un salgueiro chorón “enclaustrado nunha ridícula maceta-banco”. Un exemplar, ademais, que desapareceu recentemente.
Fronte a esta situación, dende o BNG volveron demandar un plan de conservación e protección que garanta un axeitado tratamento do arboredo urbano, evitando o seu deterioro e perigosidade en situacións de alerta meteorolóxica. “A cidade de Vigo non soporta máis arboricidios que supoñen unha política suicida en termos ecolóxicos”, subliñou Igrexas, quen afeou que “o alcalde leñador non acabe de entender que as árbores non son cousas nin elementos ornamentais, senón unha peza absolutamente esencial no ecosistema urbano”.
Igrexas rexeitou as habituais xustificacións do goberno local e chamou a avanzar nun modelo de cidade máis sustentábel e moito máis verde. Cómpre lembrar que o Concello de Vigo alegou que os árbores cortados en Coia estaban en mal estado. Ese foi o argumento oficial, trasladado de xeito verbal sen ningún documento ou informe técnico que acreditara dita afirmación.
“Nin as obras de humanización nin motivos estéticos xustifican a talla e retirada de arboredo de gran porte que, no mellor dos casos, é substituído por exemplares moito máis pequenos e de moito menores beneficios ambientais”, remachou o voceiro nacionalista.